La Voz de Galicia

O bosque dos centauros

Relatos de Verán

Ramón Coira

Relato de verán de Ramón Coira, funcionario, 51 anos. Ourense

08 Aug 2015. Actualizado a las 05:00 h.

Naquela época había un bosque poboado por centauros, moi hábiles lanzando por sorpresa certeiras setas. E o curioso era que os seus dardos non só provocaban unha ferida física, senón tamén moral, xa que en cada frecha ían escritas unhas mensaxes que ao lelas afundían ás vítimas nun fondo pesar, que perduraba no tempo: «O teu pai non te quere», «A túa parella engánate».

Era por iso polo que ninguén adoitaba internarse no bosque; malia que se dicía que os centauros gardaban un gran tesouro. Porén, un día entrou nel un mozo tan pobre e ignorante que non sabía ler, e que só pretendía gañar unha pequena aposta que lle fixeran na taberna da aldea. Ao pouco de avanzar na foresta viu unhas sombras que o espiaban e escoitou unhas voces que dicían: «Marcha de aquí. Aínda estás a tempo!». Sentiu un lóxico temor pero, coa daga na man, seguiu cara adiante, negándose a renderse tan axiña.

Non tardou en ser atacado con dúas frechas, que se lle cravaron nunha coxa e nun ombreiro. Protexeuse detrás dunha árbore e arrincou as frechas, reparando nas inscricións que levaban e, tanto como as feridas, doeulle o feito de non saber ler e prometeuse a si mesmo que algún día deprendería, se tiña ocasión e saía con vida daquela aventura.

Non había rastro dos centauros que o atacaran. Coxeaba, mais continuou camiñando ata que viu unha fonte entre unhas pedras, onde lavou as feridas, que se curaron ao instante, experimentando o mozo unha grata sensación de paz.

Seguiu andando entre árbores e fentos e deixou de sentir medo. Ao pouco, escoitou unha voz feminina berrar: «Marcha e non nos obrigues a matarte!». Mais el venceu a inquietude e continuou avanzando, ata que o arrodearon os centauros, achegándose a el cos seus arcos nas mans, polo que puido contemplar, claramente, as súas estrañas formas, metade humanas e metade equinas. Pensou que igual morría alí mesmo; porén, estaba tranquilo.

Unha femia faloulle suavemente, dicíndolle que era valente e que atopara a fonte sagrada, polo que non o querían matar. E ofreceulle unha bolsa de ouro se prometía non volver nunca máis por alí e regresaba por onde viñera.

Era máis do que esperaba gañar coa súa pequena aposta e aceptou de bo grado, prometéndoo polo máis sagrado e regresando san e feliz co seu tesouro que o converteu na envexa dos seus veciños e veciñas. 


Comentar