Recoñecido monologuista, contacontos, actor, autor e director teatral, Cándido Pazó será o encargado de animar aos pontevedreses a participar no entroido. Dirá o pregón o vindeiro venres, na praza da Verdura.
-¿Vive vostede o entroido?
-Eu participei moito no entroido sobre todo cando era neno, algo menos de maior, e agora que sego sendo maior, como vivo nun lugar onde o carnaval é moi importante, que é aquí no Ulla, concretamente en Vedra, onde hai un entroido moi de raíz, cos xenerais que saen a cabalo e todo iso, estou retomando outra vez o pracer de disfrutalo por esta circunstancia.
-¿Está a traballar xa no pregón?
-De momento estou preparándoo mentalmente. A cuestión está en que os pregóns que eu fago, para calquera tipo de festa, en realidade son comentarios que un vai facendo con motivo da propia festa e do lugar onde se celebra, neste caso en Pontevedra. Non son pregóns ao uso, senón, en certo modo, unha pequena escolma de comentarios, como unha moi pequena actuación, mais parecida a un monólogo que a o que é un pregón tradicional.
-¿Coñece vostede o entroido pontevedrés?
-Sei máis ou menos cal é o ciclo, sei que o motivo do loro Ravachol hai moitos anos que ven sendo o que máis importancia ten, que vai moita xente ao seu enterro.... Agora está tamén o rei Urco que teño a impresión de que é algo máis novo, aínda que iso é relativo, pero hoxendía, o que máis tradición ten é o Ravachol. E no demais, supoño que será un carnaval mais ou menos similar ao de outras cidades galegas.
-E de aquí marchará a Cuba.
-Si. A seguinte actuación despois do pregón é en Cuba, onde vou participar na Feira do Libro de La Habana. Alí vou con outros compañeiros, como Quico Cadaval, Avelino González e outra moita xente.