La Voz de Galicia

Tarde de sonos

Pontevedra

Chelo Lago

O Circo Acrobático de Pekín presenta hoxe o seu espectáculo Dreams, un show para todas as idades

17 Oct 2007. Actualizado a las 02:00 h.

O Circo Acrobático Nacional de Pekín trae hoxe ao Auditorio do Centro Social Caixanova de Pontevedra o seu espectáculo titulado Dreams, dentro da xira que está a levar por toda España. Onte á tardiña, as entradas estaban case que esgotadas -www.caixanova.es e taquilla telefónica no 902 504 500-, pois quedaban apenas trinta e cinco, a pesar do seu prezo, de 27 e 24 euros, non precisamente moi barato. Precisamente todas as que quedaban eran ás de anfiteatro, ás de menor prezo.

A montaxe que se presenta na cidade do Lérez a partir das 21 horas revela un colorido mundo de ensoño e ilusión, visto a través dos ollos dunha rapaza.

Trátase dun show completo coreografiado teatralmente para audiencias de todas as idades, con acrobacias imposibles, música atraínte e impresionantes efectos luminosos.

O Circo Acrobático Nacional de Pekín cumpre precisamente agora 47 anos, pois fundouse en outubro de 1950 baixo o nome de Nueva China. Foi o primeiro grupo que salíu ao extranxeiro representando ao país asiático. Nos últimos cincuenta anos visitou máis de oitenta países, contribuindo ao establecimento de relacións entre o pobo chinés e todos os pobos do mundo.

Ademais, aportou un importante pulo e contribuiu ao progreso nas acrobacias e as súas representacións chegan a todos os rincóns do xigante asiático.

Na actualidade, o circo ten máis de cen números diferentes entre representacións aéreas, equilibristas, animais entrenados, farsas, imitacións, maxia, coordinacións de grupos, etc.

A partir do ano 1990 os seus integrantes producen e presentan shows baseados na esencia da acrobacia tradicional, recollendo ideas do baile, a ópera e o teatro chinés.

O Circo Acrobático Nacional ten a súa sede en Pekín e realiza representacións tanto en carpas como en teatros tradicionais.

Desde a súa fundación, no devandito ano 1950, ten recibido 43 medallas de ouro en diferentes competicións internacionais e está considerado como un dos máis importantes circos chineses, nun país cunha longa tradición neste tipo de espectáculos.

En Drems ofrécese un amplo abanico de entretemento dirixido ao público de todas as idades, que poderán gozar dun fabuloso e sorprendente espectáculo.

Esta mesma semana, concretamente o vindeiro venres, Caixanova ofrece tamén a ópera Porgy and Bess, estreada no outono de 1935 en Nova York. Narra a historia de Porgy, un inválido afroamericano e os seus intentos por rescatar a Bess do seu proxeneta e das drogas. O elenco estará acompañado pola Orquestra Sinfónica de Navarra, o conxunto orquestal máis antigo de España. Neste caso, as entradas están totalmente esgotadas.


Comentar