La Voz de Galicia

O rexurdir de John Balan

Pontevedra

Praza da Ferrería A pesar da súa enfermidade, esta noite é del. Subirá ao escenario vestido con sombreiro de vaqueiro e co humor que sempre tivo

13 Jul 2006. Actualizado a las 07:00 h.

A cita será ás oito da tarde e ten como prato forte a actuación do protagonista. Aínda que as súas cualidades xa non son as que eran debido a trombose que sufriu, John Balan pensa subir ao escenario e deleitar aos seus amigos e admiradores co seu humor e a súa presenza. O discurso estará cheo de cariño e vai ser unha sorpresa para os asistentes á homenaxe. O que si desvelou foi o atuendo: sombreiro texano, cordón ao pescozo ao estilo vaqueiro e un cinto coas iniciais de USA. De novo, Balan vaise vestir do americano que lle deu tanto éxito. O artista comezou a cultivar a súa habilidade coa gorxa en Seixo, lugar onde naceu hai 71 anos. Alí corría polas cunetas imitando o son do trole ao pasar e asustando aos que camiñaban pola beira da estrada. Balan nunca fora a Marín e a primeira vez que o fixo levouno un home para que actuase nun bar. A partir de entón a súa sona extendeuse por Pontevedra e arredores. Chegou a actuar por Galicia e mesmo por toda España cun éxito do que ninguén dubidaba. Este veterano recorda como, a maioría das veces, «tiña que repetir a súa actuación porque o público non deixaba de berrar: ¡otra, otra!» Un dos seus números televisivos foi a grabalo a Manhattan, onde amosou os seus coñecementos de inglés aprendido na base militar de Rota. A pesar dos seus anos, Balan sorprende cun discurso áxil e interesante en castelán, galego ou mesmo en inglés; segundo a súas palabras: «falar ben non é ningún mérito, falar fala calquera». O seu nome de nacemento é Manuel Balán pero segundo el «en carteis sonaba moi probe», polo que decidiu cambialo polo de John Balan. Con este nome actuou en reunións de amigos, palcos de festas e en platós de televisión. Era un habitual da TVG e chegou ao programa de TVE de José María Iñigo. Aínda que percorreu medio mundo di que non tivo os representantes adoitados e os seus cartos marcharon por onde viñeron. «Cos anos dinme de conta de que precisaba un representante que me levara a Sudamérica e que me promocionara ben, pero o que me xestionaba non o soubo facer», di o artista. Balan tamén recoñece que despois das actuacións, de acadar o éxito nas viaxes e gañar cartos, «quedábame moi bo sabor de boca e sempre quería voltar a Pontevedra». O artista é un home moi ligado coa súa terra, Seixo, onde lle gustaría voltar máis a miúdo para poder «atopar aos coñecidos e poder recordar vellos tempos e contar uns chistes», asegura. Balan lembra a época na que podía cantar, imitar aos americanos e contar chistes. Agora recupérase lentamente dunha trombose que lle paralizou medio corpo e acabou coa súas habilidades fonético-farínxeas. O físico impídelle levar unha vida normal pero a cabeza loita por voltar a aquela etapa.


Comentar