La Voz de Galicia

Londres

Pontevedra

MARTIÑO SUÁREZ

¡ARRE HO! | O |

07 Jul 2005. Actualizado a las 07:00 h.

LEVO dous días recordando que, cando fun a Londres, hai uns poucos anos, dediquei boa parte do tempo a facer percorridos deses caprichosos e enrevesados que nos gustan aos mitómanos. Visitei, por exemplo, a casona do Soho na que empezaron a ensaiar os Rolling Stones; está a un par de mazás da habitación que tivera alugada Karl Marx século e medio antes, na que escribiu o Manifesto comunista. Fun á residencia de James M. Barrie, o autor de Peter Pan, ao lado de Hyde Park, onde teñen unha estatua do seu personaxe máis coñecido. Retrateime coma calquera turista vil atravesando o paso de cebra de Abbey Road que saía na carátula do famoso disco dos Beatles, ás sete da mañá, para que non houbese ninguén arredor. Vin a The Fall no Forum, unha mítica sala de concertos en Kentish Town. Tomei unha pinta no pub que abriu en Old Brompton Road o irmán de Charles Chaplin; a un lado quedábame a casa na que se recluiu Syd Barrett despois de deixar Pink Floyd, taladrado polos tripis, e ao outro, o semáforo no que ocurriu o accidente de tráfico que describía Lennon en A day in the life. Levo dous días recordando todo isto, e pensando na enorme capacidade que ten esa manda de miserables para emborranchar a memoria colectiva.


Comentar