Cancións
Pontevedra
¡ARRE HO! | O |
14 Mar 2005. Actualizado a las 06:00 h.
UNHA vez cada par de semanas vou comer un bocata de tortilla a un bar que hai no centro de Pontevedra. Normalmente leo o xornal, ou charlo co meu compañeiro de columna -e de dieta, para mutua desgraza-. Onte volvín, eu soliño, por alí, pero non puiden concentrarme. Tampouco quixen: escondido nunha mesa do fondo do local, asistín amilagrado a unha fermosa batalla de voces entre a dona do negocio e un par de clientes. Estes defendían que as cancións de antes -pero de moito, moito antes, ¿eh?- dábanlles mil voltas ás de agora. Un deles empezaba a entonar, case susurrando, algo así como «México lindo y querido», ao que ela, desde detrás da barra, contestaba cun sentido «si muero lejos de tí, que digan que estoy dormida»... «¡Iso está moi ben, pero hai que seguir vivindo, vivir agora, non quedar nas rancheras e en Carlos Gardel!», espetáballes aos dous parroquianos, antes de arrancarse, cos ollos medio pechados e sorrindo, cun «de mi tierra santa, de mi tierra bella, oigo el sonido de los tambores y los timbales»... E así ata o final da canción, sentíndoa, ou iso me pareceu a min, ata o mesmo centro dos seus ósos. Despois, sen solución de continuidade, seguía, por exemplo, cun «soy cantor, soy embustero, me gusta el juego y el vino, tengo alma de marinero.?Qué le voy hacer si yo nací en el Mediterráneo», estirando o final dos versos e facendo que o son lle vibrase na gorxa. Cando rematou, estiven tentado de aplaudirlle, pero pareceume demasiado íntimo; de feito, supúñase que eu non estaba atendendo a aquelo. E pode ser que a moita xente esas cancións non lles digan gran cousa; pode que a min tampouco. Pero se o que conta da música é o efecto que fai nas persoas, é para repensalo.