Promoción
Pontevedra
NA ÚLTIMA | O |
04 Feb 2005. Actualizado a las 06:00 h.
A PROMOCIÓN dunha cidade non está exenta de riscos. Os examinadores do Comité Olímpico Internacional que andan agora por Madrid para ver se a cidade cumpre as condicións necesarias para ser sede dos xogos do 2012 vivirán experiencias curiosas. As noticias de sobornos que empañaron a imaxe do comité noutras ocasións leva a pensar que a posición de poder dos inspectores lles depara uns días de vida a corpo de rei, cun trato inclinado cara o peloteo por parte dos seus anfitrións. Pero non sempre é así. En Estocolmo optaron hai uns anos por colocar nun compromiso incómodo a quen viña a fiscalizar a cidade para ver se podía acoller un evento internacional similar. Os inspectores, precedidos polos anfitrións, achegábanse a un dos tres ríos que bañan a cidade, baixaban por unha escaleira, e alí, fronte ás cámaras, invitábanos a beber un vaso de auga directamente recollida do cauce. Coa maniobra, os políticos locais pretendían alardear da limpeza da cidade. Por aquí, o alcalde Lores prometeu bañarse no Lérez antes de acabar este mandato. Claro que sempre podería mandar a algún inspector no seu lugar. Só habería que buscar un evento internacional para celebrar en Pontevedra. Pan comido.