La Voz de Galicia

«Higadillos»

Pontevedra

MARTIÑO SUÁREZ

¡ARRE HO! | O |

29 Jun 2004. Actualizado a las 07:00 h.

ENTRAN a veces na oficina a toda mecha, dando cos pés nas cachas, tratando de que unha imaxe de última hora chegue a tempo para a impresión do xornal. Outras baixan todo un rexemento de santos do ceo porque o ordenador se lles bloquea, ou porque os redactores somos uns pesados incorrixibles. Onte, un deles, Xoan A. Soler, de Santiago, contaba nesta mesma páxina, pero na edición compostelá deste xornal, as peripecias que tivera que pasar para que os lectores puidesen ver as fotografías do concerto no Monte do Gozo dos Chili Peppers, o grupo máis sobrevalorado da actualidade. «De 18.30 a 22.55 intentando hacer mi trabajo, que salió publicado gracias a que me escapé monte arriba echando los higadillos, perseguido por la organización, saltando vallas y recordando los consejos de mi madre, que me recomendó que estudiara medicina. Tengo que dejar de fumar», contaba o compañeiro fotógrafo. Os que nos dedicamos a recrear a realidade con palabras temos unhas cantas estratexias para facelo, o que non quere dicir que sempre o consigamos. A eles non lles queda máis remedio que estar alí, en primeira liña, levándoas se hai que levalas, mollándose se hai que mollarse. E créanme: a maior parte das veces merece a pena.


Comentar