A primavera do libro
Pontevedra
O cronómetro | Festa de Galaxia para presentar a nova etapa da colección «Árbore» Unha homenaxe a Xohana Torres e un festival con agasallos para os nenos servirá de presentación da aposta da editorial galega no eido da literatura infantil
19 Mar 2004. Actualizado a las 06:00 h.
A editorial Galaxia presenta hoxe en sociedade a nova etapa da colección Árbore de literatura infantil que se abre con nove textos, oito de autores galegos e o noveno, a traducción ó galego de Un crocodilo debaixo da cama, da escritora vasca Mariasun Landa. Para celebrar esta nova etapa, a editorial en colaboración co Concello de Pontevedra vai levar a cabo unha homenaxe a Xohana Torres, que participa nesta colección co libro Polo mar van as sardiñas, unha nova edición do publicado por primeira vez no ano 68 cando pensar en literatura infantil en galego era un sono. O acto consistirá na plantación dunha árbore, concretamente o rododendro Xohana Torres, nos xardíns das Palmeiras, detrás do edificio do Colexio de Arquitectos, as 13 horas. Á homenaxe están invitados todos os nenos e tamén haberá profesores e autores, xunto cos responsables da editorial. E rematará coa intervención da Orquesta de Cámara Lira de Pontevedra. E xa pola tarde, ás 18 horas, no Principal, haberá unha festa con entrada libre, e na que non faltarán agasallos como camisetas, globos, pins, libros e sorteo de regalos. Tamén haberá paiasos, música, mimo, dramatizacións dalgúns dos textos e presentación dos libros, coa presenza da escritora e actriz galega Paula Carballeira, entre outros. Rexurdimento O director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, explicou que bautizaron esta coleción Árbore como «a primavera do libro». «Queremos que o libro sexa unha primavera que ten que ver co nacemento, co rexurdimento, ca palabra, ca poesía, ca comunicación e sobre todo cos máis novos -suliñou-. A primavera como florecemento da vida e por iso eliximos Pontevedra para presentala, porque é a cidade da primavera, a cidade xardín, unha cidade culta, con tradición literaria». Tamén indicou que cada ano, no 21 de marzo, Galaxia plantará unha árbore nunha cidade ou vila galega co nome dun autor como recoñecemento público.