La Voz de Galicia

Deixar de parolar nos pasos de cebra

Allariz

Jesús Manuel García ourense

Crónica | Seguridade vial para maiores en Allariz Un grupo de veciños maiores do Concello de Allariz acudiu a unha sesión teórica e práctica para coñecer as normas de seguridade cando camiñan polas rúas

20 Apr 2007. Actualizado a las 07:00 h.

Saíron todos satisfeitos a pesares de que o trono amoloulles boa parte da sesión práctica. «Eu paseino ben, que sempre se aprende algo. Moitas veces un non lle da importancia a estas cousas e hai que ter moito cuidado cos coches», sinalou Piedad Conde. Foi unha iniciativa do Concello a traverso da Policía Local e seica deu resultado. Trátase de darlle aos maiores consellos que aproveiten para evitar problemas cando teñan que subir a un autobús, cruzas unha rúa, camiñar a carón duynha estrada... «Eu teño que cruzar todos os días igual cando vou ó centro médico e dame un pouco de medo porque vexo moi mal. Os conductores veñen a moita velocidade, debían respectar o límite urbano», engadiu esta veciña. Olga Estévez toma medicación e aféctalle. «Explicáronnos como subir ou baixar a un autobús, e dos medicamentos, que é certo, eu son diabética, tomo moitos e é certo que me disminúen. Fan efecto. Non é que me pase nada pero vexo que non teño reflexos. A esto engádeselle a idade. O dos medicamentos é moi certo eh?», explicaba esta muller, que non conduce. Seu marido, Antono Suárez, tampouco conduce pero no perde oportunidade de asistir a cursos dos que organiza o Concello alaricano. «É mou bonito aprender e corrixir defectos que temos. Eu ando moito e se imos por estrada, miña dona vai diante e eu vou dez metros detrás sempre con precaución», sinalou para engadir que hai que ter moito coidado á hora de cruzar. «Estas cousas sempre está ben lembralas e temos que ter repecto polos demáis, logo veñen os accidentes», subliñou. Celia Nieto comenta que «o do cinturón xa o sabía porque veño de Vilaboa e tráenme os amigos e nada máis sentarme no asiento xa me din que poña o cinturón. Pero gustoume moito o de usar ben o paso de cebra. Ás veces ao chegar a un, poñémonos a falar alí e os condutores danlle á cabeza porque pararon e nós non iamos cruzar. Para min eso paréceme horrible». Celia amosa unha pulseira amarela co lema Faite ver . «Vela, poila aquí e se vas camiñando á tardiña, é bo levala na muñeca. Estou encantada», explica esta muller que recoñece o lucro que lle saca ós cursiños. Milagros Babarro di que o paso de peóns non se respectan por parte dos conductores. «Hai que ter moito coidado. Eu teño que pararme antes de cruzar e os coches seguen pasando, dame moito medo», manifesta mentras aproveita para descansar e tomar un cafeciño coas súas amigas de curso. nas novas e mopdernas instalacións do Fogar do Maior.


Comentar