La Voz de Galicia

Orgullo

Ourense

María Cobas

21 May 2022. Actualizado a las 17:22 h.

Non foi a Panorama no Couto (nin falta que fixo), pero o certo é que o martes Córgomo tamén foi un fervedoiro de xente. E iso que o que había na aldea de Vilamartín de Valdeorras era... ¡un acto cultural en galego! Orgullo de país ver que aínda hai moita xente que festexa ter un idioma e unha cultura propios. Aínda que fixera calor, aínda que ás veces venteara moito, aínda que non houbera cadeiras para todos, aínda que houbera que aparcar lonxe, aínda que na costa estivera día de praia, aínda que para moitos fora ponte... En Valdeorras (porque non só había xente de Córgomo) a xente saíu á rúa para mostrar a súa fachenda por ter un veciño recoñecido co Día das Letras. O 17 de Maio foi toda unha festa, unha reivindicación do propio, desa lingua que Florencio Delgado Gurriarán mantivo estando no exilio cun océano de por medio e que conseguir transmitir aos seus aínda que só fóra cantando. As súas fillas non falan galego, pero cantan en galego. E os pés de Maruxa, Carmiña e Celia comezan a marcar o ritmo e o corazón a palpitar cando escoitan a nosa música, como a que soou na foliada (ou florenciada) que se montou despois do acto oficial nas rúas de Córgomo.

O almanaque di que o 17 de maio xa pasou, mais para min o Día das Letras comeza cada medianoite. Porque ao igual que a Terra é un préstamo que nos fan os fillos (e non algo que herdamos dos pais, que entón do que falamos son de leiras), o idioma é un regalo que nos chega de quen máis nos quere para que tempo despois poidamos legarllo aos nosos cativos. ¡E que bonita soa a nosa lingua na boca de trapo dos que están empezando a falar!


Comentar