La Voz de Galicia

O sector audiovisual rexeita a posible suspensión do OUFF

Ourense

xosé manoel rodríguez ourense / la voz

Para Reixa «periga o traballo de moitos anos e debería permañecer»

02 May 2012. Actualizado a las 07:15 h.

A posibilidade de suspender a edición do OUFF deste ano suscita un rexeitamento unánime por parte do sector audiovisual galego, que considera o Festival de Cine de Ourense como o certame máis importante de Galicia e cunha traxectoria e experiencia que non se pode perder. Para Antón Reixa, próximo presidente da SGAE (Sociedade General de Autores Española) e participante habitual do OUFF -o pasado ano con Anos depois, a cinta de Laura Gárdos na que está a súa produtora, Filmanova-, «un traballo de tantos anos non se pode ver en perigo por este tipo de tensións. É certo que o festival debe adicar unha enerxía especial a buscar a súa especificidade, pero o importante é que permañeza por ser como é un referente para todo o sector en Galicia».

Na mesma liña se manifestaba onte Dolores Bens, presidenta de Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes). Bens participa activamente no OUFF nos encontros, debates e mesas redondas que se celebran sobre o sector e o futuro do audiovisual en Galicia e asegura que «o Festival de Cine de Ourense é o máis importante de Galicia e debería seguir. O OUFF tense convertido nun punto de encontro para o sector e xa é unha cita tradicional para todos os que traballamos na industria audiovisual. Debería acometer algunhas melloras e actualizacións, facer máis actividades paralelas e ferias sectoriais, pero baixo ningún concepto suspenderse ou aprazarse porque iso sentaría unha grave precedente».

«Aínda que sexa de mínimos»

Ángel de la Cruz, con varios premios Goya -o último este ano por Engurras e presidente do colectivo de guionistas, cre que «se debe celebrar o festival aínda que sexa cunha edición de mínimos». De la Cruz lembra que «presentei a miña segunda curtametraxe no festival, cando empeza a escribir e dirixir, teño ido moitas veces e aí pechei máis dun acordo nas actividades paralelas. En Ourense celebramos a primeira edición dos premios Agapi, hoxe os premios do Audiovisual de Galicia, e iso non se pode perder».


Comentar