La Voz de Galicia

¿É Baltar un cacique?

Ourense

Xosé Lois Carreira

21 Mar 2011. Actualizado a las 14:06 h.

Eu digo non. Non polo menos nos termos do concepto clásico que representa un todo absoluto, un símbolo da corrupción política, unha representación do mal a todos os niveis, indicio da degradación da vontade colectiva, da manipulación interesada da liberdade dos demais, da negación das persoas por razón de interese ou ideoloxía política, da discriminación positiva a cambio do furtivismo electoral, das vítimas da fame e escravos da vergoña, da deturpación das institucións públicas en beneficio partidista, da prevaricación co tecido empresarial, do imposto revolucionario por un convenio de obra, do favor político a cambio da deñada militancia, do enchufismo sen mesura, do penoso rigor discrecional dun tribunal a medida, da arbitrariedade desgastada polo overbooking, do apartheid da supremacía da raza pepeira, do escrupuloso control egoantropocentrista dunha institución pública, do discurso da desbrozadora e o grupo de gaiteiros, da medalla polo favor que cheira a rancio, da vetusta tropa de aduladores sen pantalóns, dos puríns que mercan vontades ambientais, dos cabalos que corren e corren polas estragadas pistas da lagoa, dos surrealistas proxectos supramunicipais de enxeñeiros bobos, da Limia feita un vertedoiro fecal e a inminente macroincineradora do sur en Sarreaus, da pasta que se evapora en infladas inversións irreais, da sectaria confusión entre partido e escano presidencial, do anuncio demagogo do despacho aberto a todos, dos infinitos nomes da lista dun macabro Schlinder, do Fírveda denunciando ás mañas da perenne familia Baltar, da trazabilidade institucional dos parentes, dos tratantes na feira do transfuguismo, dos 32 millóns de euros en persoal, das ducias de conserxes para a porta da soberbia, da pobreza dun pornógrafo do seu propio oficio, da vileza dun informe desfavorable e reiterado que marca para sempre.

Non, sen dúbida, Baltar non é un cacique como esta representación clásica dun concepto absoluto ou símbolo da corrupción. Baltar é o concepto mesmo.


Comentar