Aprender galego en parella
Ourense
O Concello do Carballiño e a Mesa pola Normalización Lingüística promoven o voluntariado para ensinar a lingua
16 Apr 2010. Actualizado a las 02:00 h.
Nos próximos días porase en marcha no Carballiño un novo programa de voluntariado de activación lingüística promovido pola área municipal de Dinamización Social, que leva María Jorge, xunto á Mesa pola Normalización Lingüística do occidente ourensán, que preside Eladino Cabanelas. A nova proposta ten como obxectivo prioritario profundar na práctica do galego.
Unha práctica que se desenvolverá de forma peculiar, xa que se fará por parellas. Son só necesarias dúas persoas para poñleo en marcha: un voluntario, que só debe ter un dominio fluído do galego normativo e ganas de intercambiar experiencias, e un activo, que é a persoa que perfeccionará o nivel do seu uso da lingua galega. Deben ser maiores de idade.
«Parellas en Galego» (Pargal), que é o nome da iniciativa, foi presentado onte pola concelleira e o presidente da Mesa de Normalización, como un intento de «acadar espazos para aprender a falar galego con fluidez e practicalo con xente que, voluntariamente, ofrece vos seus coñecementos», recoñeceu a dirixente municipal.
O programa lúdico e gratuíto, é moi sinxelo de desenvolver xa que só é necesario o compromiso de que as parellas, que previamente responderán un cuestionario cos seus datos e os seus gustos persoais, para buscar persoas con afinidades e a súa dispoñibilidade para concretar os horarios, por manter un mínimo de dez sesións dunha hora de duración. ?«Para falar onde queiran cando queiran e do que queiran», especificou María Jorge.
Os interesados, tanto o voluntario como o activo, que pode ser alguén que proceda de fóra de Galicia ou que simplemente senta incapaz de falar galego con fluidez, poden inscribirse xa nas dependencias da área de Dinamización Social, na rúa Faustino Santalices, no teléfono 988 53 10 76 ou no correo electrónico voluntariado.pargal@gmail.com.
Os voluntarios disporán do asesoramento necesario, ata coa entrega dun pequeno manual, tanto por parte da concellaría de Dinamización como da Mesa de Normalización Lingüística de O Carballiño y do Ribeiro. ?Pargal, aclarou Eladino Cabanelas, non ten un custo elevado para as arcas municipais, só o material promocional e de difusión do programa.