Libremente
Ourense
DIARIO DE AURIA | O |
01 Jul 2005. Actualizado a las 07:00 h.
ESCOITO a Mozart mentres un vermú de mediodía inaugura o meu pensamento. Penso esta columna lentamente, a unha man. Na outra sosteño a esperanza, que é unha señora simpática que aparece en Galicia despois de vintetantos anos. A esperanza precisa meditación. Paseos baixo a luz da lúa, que é unha luz intensa e fogosa. A esperanza aparece cando cambian os gobernos, e aquí non cambiaron nunca. Imaxino que hai despachos con telarañas, e caixóns que non mudaron os papeis nos últimos lustros. Ourense precisa renovarse. Non sei cómo, nin cánto. Pero renovarse. Que nas fotos aparezan outros rostros, que Baltar se xubile antes de que se xubile Fraga (iso afirma Baltar), que a oposición sexa diferente e teña outra voz. A min, sempre na oposición, ha de seguir tocándome esta infausta tarefa. Infausta porque nada custa máis que ser libre, opinar libre, exercer a liberdade fronte ao poder. A liberdade é unha patria. E os que escribimos nos periódicos debemos ser libres. Os periodistas para contar a verdade e os columnistas para contar o noso corazón, as nosas ideas, o mundo intelectual que defendemos. Criticar e ser criticado sen que pase nada, sen feridas. O Pesoe e o BNG deben dictar esa primeira lección. A liberdade. Libremente.