«Pactar co PSOE nos concellos é un risco que o BNG debe asumir»
Ourense
Entrevista | Antón Sánchez Rivero O político nacionalista di que os acordos cos socialistas non funcionan como sería desexable, aínda que asume que é preciso pagar a peaxe para desprazar ao PP
26 Jun 2004. Actualizado a las 07:00 h.
? nacionalismo galego non vive os seus mellores momentos políticos. Logo de converterse na segunda forza no Parlamento de Galicia e de afrontar unha transición que sigue ecoando cada vez que hai un atranco ou unha crise, o BNG viu como as eleccións xerais e as europeas daban unha serodia colleita que fixo que máis dun dos seus dirixentes apelase á necesidade dunha reflexión. Ourense non é unha excepción nesta marcha atrás. Unha marcha atrás que Antón Sánchez Rivero, dende a súa responsabilidade no BNG, non ve preocupante. -¿O voto útil é o culpable do retroceso do BNG? -Hai varias razóns, aínda que ese é un dos principais argumentos. O atentado de Madrid movilizou a moita xente que logo votou para botar ao PP fóra. Está o problema do bipartidismo: cando os dous grandes partidos entran en confrontación no Estado o gran perxudicado é o nacionalismo. E no caso de Galicia, á contra do que ocorre en Euskadi ou Cataluña, o nacionalismo galego non ten o arraigo. -O apoio ao BNG en Ourense sigue sendo o máis baixo de Galicia. ¿Por qué? -Nós facemos un grande esforzo e un bo traballo. Mais hai que recoñecer que Ourense é unha provincia moi particular, donde a empresa máis importante son as institucións públicas -chámese Concello, Deputación, hospital, etcétera- e nas que o PP exerce o clientelismo dunha forma descarada. Non quixera decir que un destos datos é o definitivo, mais entre todos contribúen a devaluar o voto nacionalista. Se en Ourense houbera catro ou cinco empresas de 1.000 ou 1.500 traballadores a situación cambiaría radicalmente. O voto sería moito máis libre porque o cidadán non tería que ir mendigar un posto de traballo. -O BNG apoiou ao PSOE en O Carballiño e O Barco para chegar á alcaldía e logo os socialistas conseguiron a maioría. ¿Compensa ese esforzo? -É certo que se diron eses casos e que o PSOE rentabilizou o esforzo e o sacrificio do BNG. Con todo, hai que analizar os datos no seu conxunto: hai uns resultados electorais donde o PP non ten a maioría absoluta e o BNG asume que debe pactar co PSOE, ou con outras forzas, para evitar gobernos do PP. Se non apoiamos a alcaldes como os de Verea, ou como no seu día aos do Carballiño e o Barco, gobernaría o PP. Estamos obligados a vivir esa experiencia; outra cousa é a honestidade dos gobernos do PSOE. O caso de Verea é significativo. ¿Paga a pena esa peaxe por desplazar ao PP? Nós cremos que si, aínda que haxa casos sangrantes. -¿Non é unha contradición pactar con políticos como o alcalde de A Rúa, investigado agora polo Tribunal de Contas? -É unha opinión digna e respetable mais estamos na mesma. ¿Teríamos que falar por exemplo do caso de Verín, donde Cid Harguindey foi condeado no seu día e obrigado por un tribunal a abandoar a alcaldía? Se dentro dun ano o PP perde a Xunta, ¿que fai o BNG? ¿Pactar co PSOE ou deixar que goberne o PP en minoría? Os votantes do BNG non entenderían que se deixara gobernar ao PP. Pactar co PSOE nos concellos é un risco que o BNG debe asumir, xa que do contrario sería frustante para os nosos votantes porque tirarían en conclusión que daría o mesmo votar ao BNG ou ao PSOE, porque seguiría mandando o PP. -¿Como valora o traballo no Concello de Ourense? -Hai xente que di que facemos oposición radical e algúns que nos quedamos cortos. O grupo municipal conta con apoio total da organización, non estamos nunha política do non polo non nin nunha política crítica. Estamos facendo unha política constructiva e aportando cousas: aí está o tema dos comedores escolares, que o PP non tiña nin idea e que nós propuxemos.