Celuloide en vea
Ourense
Perfil | Miguel Anxo Fernández O crítico de cine e escritor está a desenvolver un proxecto para levar o audiovisual á escola e aposta por dotar ós centros de ensino de materiais axeitados para educar ós rapaces
18 Jun 2003. Actualizado a las 07:00 h.
?iguel Anxo Fernández é cine. Aínda que non fundou o Cineclube Carballiño, como afirma alguén, si que foi o seu máximo dinamizador. Desde Compostela dirixía, a golpe de teléfono, a entidade na súa época de universitario e foi o creador -e máximo promotor- das Xociviga, as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia. Aínda que desvinculado destas cre que teñen futuro se se afronta este converténdoas nunha extensión máis do Festival de Cine de Ourense. Licenciado en Arte e mestre de profesión, Miguel Anxo Fernández forma parte da directiva da Academia Galega do Audiovisual -é vicepresidente segundo desta-, do Consello da Cultura Galega -da sección de Comunicación e da comisión técnica de Audiovisual e Artes Plásticas- e da xunta rectora do Museo do Pobo Galego. Os productores e directores de cine galegos concedéronlle o premio Fernando Rey en recoñecemento á súa contribución ó sector audiovisual de Galicia. Escritor e investigador tamén foi recoñecido cos premios Sempre en Galiza, por un traballo de investigación sobre Carlos Velo, e García Barros de novela, por Un nicho para Marilyn. Da saga de Frank Soutelo, o detective americano de orixe galega que protagoniza esta obra, ten media ducia de entregas inéditas. Traballador incansable e hiperactivo -sente pracer cando escoita á xente ás tres da mañá de troula mentres el escribe no portátil na mesma casa onde pasaba tempadas Emilia Pardo Bazán- está a desenvolver un proxecto para levar o audiovisual ás escolas por encargo da Academia Galega do Audiovisual, remata a súa tese e ten pendente de publicación varias obras -entre elas unha sobre a Bella Otero que lle valeu o Premio Chano Piñeiro-. E ata lle queda tempo para ir ó cine.