La Voz de Galicia

Castañas, o pan dos mortos

Ourense

Mar Gil ourense

La proximidad del San Martiño coincide con la cita de los ourensanos con los ya tradicionales magostos Los montes de la provincia acogieron ayer las primeras hogueras

09 Nov 2002. Actualizado a las 06:00 h.

Ese froito encerado, contundente e sen aristas, tan terrenal coma os castiñeiros e tan noso como a terra, destápase na análise antropolóxica coma divino e universal, apegado aos vivos para redimir aos mortos, achegado á Galicia secular pero presente noutros tempos e noutras culturas. É a hora das castañas. E tamén dos magostos galegos, das castañadas catalanas e das mauracas andaluzas. A fin de semana de Defuntos é a data tradicional da festa pero será o día 11 cando, dende terras ourensáns, as castañas estoupen para extende-la xoldra por montes e lareiras. O magosto está vencellado ao San Martiño, o 11 de novembro, dende hai séculos, pero a referencia é só válida en Ourense. No resto do mundo a data sinalada é a noite do 1 ó 2 de novembro, tempo de defuntos. As dúas datas son claro indicativo da cristianización sufrida por unha tradición que o antropólogo Manuel Mandianes, do Consello Superior de Investigacións Científicas, sitúa con orixe no Samhaim celta. «Era unha celebración absolutamente colectiva -afirma-, que consistía nunha comida enorme e nunha borrachera en honra dos antepasados, de tal maneira que o que non participaba corría o risco de perde-la razón, co cal o noso magosto e continuación da festa celta». Cristianización A cristianización non consegiu elimina-la vertente pagán pero ese laicismo permañece, en certa maneira, vencellado aos defuntos. Así, lembra Mandianes Castro, «en moitos lugares de Galicia ata os anos sesenta asábanse as castanas no adro da igrexa e, se non se facía así, o presidente da cofradía das ánimas subíase ao campanario e tiraba as castañas das ánimas; quen as comía tiña a firme crenza de que sacaba unha ánima do purgatorio». Moito tempo atrás, as Constitucións Sinodais de Galicia da Idade media permiten constatar que as castañas se comían na igrexa, utilizando o altar como mesa; as borracheiras de rigor obrigaron ás Constitucións Sinodais a prohibilas por profanación. Da historia ao presente, a realidade do magosto vai moito máis alá do que se pensa en Galicia. Non é a nosa xeografía a única referencia para esta tradición, que se mantén nos pobos das Alpujarras granadinas, -«que din que foron pobos de colonización galega na Idade Media», matiza Mandianes- e en Cataluña. Mauraca para os andaluces de Serra Nevada e castañada para os cataláns, o magosto é unha realidade común. «É practicamente o mesmo -asegura Mandianes, que ten publicado estudios sobre a materia-; as castañas agora ásanas colectivamente nas cidades, sobre todo en Sabadell, e ata datas recentes comíanas nas casas e, na medida en que ouvían tocar na igrexa da parroquia, ían comendo as castañas e rezando». Presencia innegable Hai un dato innegable, asegura: «As castañas teñen presencia fortísima nunha festa de mortos pero, se analizas máis a fondo, chegas á conclusión de que a castaña é alimento de mortos, é o pan dos mortos». Hai unha serie de detalles que nos fan afirmar que é o alimento dos mortos, afirma Mandianes: «Viaxeiros ingleses do século XVII que viñeron a Galicia escriben que eles vían a mulleres de negro visitar os cemiterios comendo castañas e, por cada unha que comían, tiñan a firme convicción de que salvaban unha ánima do purgatorio». De feito, asevera, «cando estoura unha castaña dise: liberouse unha ánima». ¿Que por que, agora, as picamos antes de asalas? pregúntase o investigador antes de responder: «Picámolas porque os modernos non sabemos nada, somos uns bárbaros». Nese senso, aponta a necesidade de que nas escolas galegas se estudie a filosofía popular galega.


Comentar