Mirar o tempo
Opinión
23 Aug 2026. Actualizado a las 05:00 h.
Nos últimos anos os galegos metemos o tempo nas conversas máis do debido, non para enchelas de silencios senón de auténtica preocupación.
Os comentarios agora xiran ao redor das temperaturas máximas e, sobre todo, facemos contas para saber canto queda para que volva chover. Cando eu vivía en Madrid tiña o costume de mirar o tempo no verán porque quería saber se tocabamos os 40 graos ou quedariamos nos 36, que era unha versión amable do inferno. Aquí en Galicia, pola contra, podía ser algo esaxerado estar tan pendente das temperaturas porque xa sabiamos o que había. Mais algo está cambiando nos últimos anos.
Este verán, por exemplo, volveu ser seco, con episodios de calor que xa non parecen tan extraordinarios. Velaí o Miño, á altura de Lugo, que subiu en dúas décadas uns seis graos a temperatura da auga, chegando mesmo aos 25 nalgún momento, unha barbaridade no ecosistema dun río. E aquí, como xa se dixo, aparece un novo perigo, como o de poñer o territorio de moda para un turismo de masa expulsado do Mediterráneo, non porque descubra a empanada e o polbo á feira, senón porque aquí poderá respirar no verán e non ter a sensación de que alguén lle está a dar na cara cun secador do pelo. E os galegos, que levamos séculos presumindo de que aquí sempre chove, teremos que comezar a usar o paraugas coma un instrumento do pasado que agora só serve para tornar o sol.
É obvio que o clima da terra leva cambiando durante séculos e milenios. O que cambia agora é a velocidade, o acelerador. Se cadra, por iso miramos tanto o tempo, porque deixou de ser só tempo para se converter nunha advertencia. Os galegos, que durante décadas preguntabamos se ía chover, agora xa preguntamos cando vai volver chover. Semella unha diferencia cativa, pero non o é. E se algún día deixamos de falar do tempo, será porque xa sabemos perfectamente o tempo que vai facer e, daquela, si teremos un gran problema no que non caberán as ironías.