La Voz de Galicia

A biblioteca

Opinión

Xosé Carlos Caneiro

23 Apr 2026. Actualizado a las 05:00 h.

Son escritor porque os salesianos de Ourense tiñan unha biblioteca magnífica. Nela perdíame todos os días da semana, de cinco e media a oito da tarde. Na miña casa, moi humilde, apenas había libros. Lembro unha colección de volumes grises e laranxas. Nesa colección lin en español Los miserables, de Víctor Hugo, e La piel de zapa, de Balzac. Varias veces. Despois, encontrei na biblioteca salesiana todo o que faltaba na casa. Encontrei tamén a imaxinación e a beleza. A imaxinación é o sustento da alegría, iso creo. Tiven sorte. Podía levar os libros e, habitualmente, devolvíaos pronto. Eran horas felices. Remataba os deberes de clase e, decontado, metíame no cuarto a ler. Máis dunha vez pasei a noite en branco, enfrascado en novelas que quería rematar. Outras noites facíame demasiadas preguntas e o insomnio torturábame. A aquela biblioteca débolle a ventura, ou a desventura, de dedicarme á literatura. Sempre defendín que os mozos debían ler os clásicos de novos, iluminarse con eles. Eu fíxeno e, de cando en vez, lembro aqueles momentos como algúns dos máis felices da xuventude. Agora, os rapaces teñen o costume de estudar nas bibliotecas. En Santiago, por exemplo, hai bibliotecas que poñen o cartel de «Completo» meses antes dos exames. Algunha abre toda a noite. Outras pechan ás oito da tarde e abren ás oito da mañá. Contan que un destes bibliotecarios recibiu unha chamada telefónica na súa casa á unha do mencer. «Podería dicirme a que hora abre a biblioteca?», preguntáronlle. Respondeu: «Por que chamas a esta hora para saber cando se entra?». O individuo respondeu: «Non quero entrar, quero saír!». A imaxinación é o sustento da alegría. Feliz Día do Libro.

 

 


Comentar