La Voz de Galicia

Elixir como vives, elixir como morres

Opinión

Xosé Antón Garcia Ferreiro Xornalista e secretario de DMD (Derecho a Morir Dignamente) Galicia

27 Mar 2026. Actualizado a las 05:00 h.

Hai cousas que non deberían decidirse desde un despacho ou un púlpito. Unha delas é cando unha persoa sente que xa non pode máis. Falamos moitas veces da eutanasia coma se fose un concepto ou un debate abstracto, pero non o é. En Galicia, e no resto do España, hai persoas que levan meses, anos, convivindo con enfermidades irreversibles, con dores que non se apagan e cunha vida que deixou de parecerse ao que entendemos por vivir. E isto non son teorías, son persoas con nomes e apelidos, e con dereito a morrer dignamente e cando elas queiran, como está establecido na vixente Lei Orgánica de Reglamentación da Eutanasia.

 

En Galicia houbo 34 solicitudes de eutanasia no ano 2024, das que só dezaseis recibiron informe favorable. O resto quedou polo camiño, a maior parte faleceu. En España, un de cada tres solicitantes de eutanasia morreu agardando contestación.

Hai quen fala de «defender a vida». E parécenos ben. Pero, de que vida estamos falando? Da que se sostén a base da dor constante, da dependencia absoluta e do sufrimento sen saída? Iso non é defender a vida; é alongar algo que moitas persoas non queren seguir vivindo

Isto non é, ou non debera ser, un debate ideolóxico. E algo máis básico, é liberdade. A mesma liberdade que defendemos para vivir como queremos debería servir tamén para decidir cando seguir deixa de ter sentido. Porque aquí non hai imposición ningunha, ninguén está obrigado a solicitar a eutanasia. Pero tampouco é aceptable que quen recorre á lei de eutanasia reciba indiferenza ou teña que soportar presións políticas, relixiosas, ou mesmo familiares, que non desexa.

Unha sociedade madura non obriga. Acompaña e respecta. Negar o dereito á eutanasia non é unha posición neutral, é tomar partido, é dicirlle a alguén que, aínda que non poida máis, ten que seguir.

Un liberal conservador coma o escritor Carlos Alberto Montaner, que se trasladou a España para poder morrer por eutanasia, deixou un testamento no que di o seguinte: «He regresado en el ocaso de mi vida. Aquí cumplí 80 años. El último de mi existencia gracias a la ley de la eutanasia. ¿Se quiere una mayor libertad que la de elegir el momento de la partida?».

Sobre o caso máis mediático e recente, o da catalá Noelia, o médico e vicepresidente de la asociación DMD, Fernando Marín, sinala que «solo tenemos una opción: atender su solicitud reiterada de ayuda para morir y acompañarla; la vida no es un cuento de hadas. No respetarla es de una crueldad inhumana».


Comentar