La Voz de Galicia

O ano de don Ramón

Opinión

Víctor F. Freixanes

21 Dec 2025. Actualizado a las 05:00 h.

O Parlamento de Galicia vén de acordar por unanimidade que o próximo ano 2026 leve o nome (e a memoria) de Ramón Otero Pedrayo, patriarca das letras galegas, figura egrexia do galeguismo e da nosa cultura nacional. Por unanimidade de todos os grupos representados na Cámara, como debe ser. Despois do Ano Castelao, que mellor honra e que mellor lembranza do seu compañeiro e amigo? Non hai autor nin autora na nosa literatura cunha produción máis grande, ambiciosa, estimulante e diversa que a do señor de Trasalba. Durante 12 anos fun presidente da fundación que leva o seu nome e promove o seu legado dende a casa grande de Cimadevila, nas terras de Amoeiro. É unha honra da que sempre me gabei.

Está por escribir unha biografía de don Ramón, contextualizada no seu tempo e nos seus contemporáneos, á altura da súa significación na nosa literatura e na historia do galeguismo. Fóra dalgunhas achegas parciais e algúns traballos de divulgación, como o de Carlos Casares para a colección Conciencia de Galicia da editorial Galaxia (1981) ou o de Marcos Valcarcel en colaboración con Xosé Ramón Quintana (Ir Indo, 1988), non temos unha obra que aborde con amplitude, documentación e espírito crítico a vida dun dos nosos grandes persoeiros do pasado século. Se cadra neste ano que se anuncia podería iniciarse un proxecto destas características.

Coñecín a don Ramón no ano 1975, poucos meses antes do seu pasamento (10 de abril de 1976). Visiteino para o meu primeiro libro, Unha ducia de galegos, e dende o primeiro momento fiquei impresionado pola súa sabedoría, a súa hospitalidade e a calor humana que transmitía, abríndolle as portas durante horas a un rapazolo que viña cheo de preguntas e quería saber. Neste aspecto, Otero pertencía á xeración da palabra dada, palabra aberta, consciente non só da súa dimensión informativa, senón mesmo curadora, como os vellos médicos curaban non tanto coas medicinas como falando coa xente. Foron tres entrevistas, Toda a tarde. Sen tempo por diante. «De que queres que falemos?», dicía el. Eu facía a primeira pregunta e durante catro ou cinco horas non había máis: a palabra de don Ramón medraba coma un tsunami, coma un cadoiro marabilloso.

«Toda Galicia vai nela», dicía o autor de Arredor de si referíndose á Carta Xeométrica de Galicia, o mapa de Domingo Fontán, que o protagonista da novela, Adrián Solovio, recibe coma unha revelación da man do seu tío Bernaldo. Algo semellante me sucedeu naquelas tardes ourensás na casa da rúa da Paz escoitando a palabra do mestre. Toda Galicia estaba alí. Titulei a conversa Memoria de todas as cousas. Volvendo agora a aquelas horas, certamente era así: os maragatos cruzando as montañas coas recuas de mulas cargadas de pementón e mantas zamoranas, o Ourense do século XIX, a desfeita da fidalguía, o espírito do galeguismo, a esperanza tronzada no 36, o sacrificio dos amigos, o exilio interior, a dignidade… Sobre todo isto: a dignidade.


Comentar