La Voz de Galicia

Machismo e machotismo en Ortega Smith

Opinión

Siro

13 Jan 2024. Actualizado a las 11:35 h.

.

É o que fai sempre: primeiro provoca e logo foxe. E tanto lle ten afirmar que Castelao era separatista como que as trece mozas coñecidas como As Trece Rosas, fusiladas en agosto de 1939, «eran mujeres que torturaban, mataban y violaban vilmente». Nin sabe nin quere saber. El solta o tarabelo e cando lle responden fai o xordo. En internet pódese ver un vídeo de 2019 no que unha muller que leva vinte anos en cadeira de rodas por defender a irmá dos disparos do cuñado lle recrimina que negue a violencia de xénero, e non a mira. Non está claro se non a mira porque non pode sosterlle a ollada ou por desprezo, por ser unha inmigrante marroquí; pero canto máis vexo o vídeo, máis válidos me parecen os dous motivos. Por certo, ese mesmo ano Ortega Smith rebentou un acto público na praza de Cibeles co que o Concello de Madrid recordaba a última muller asasinada polo seu home. Cando se gardaba un minuto de silencio, el e outros membros de Vox despregaron unha pancarta co lema «La violencia no tiene género». Ao alcalde Almeida deulle un telele.

Ortega Smith vai de político de feitos, pero é só un político de xestos. Un día rouba unha pedra dun arrecife artificial en Xibraltar para expoñela como trofeo de guerra na sede de Vox, outro persegue os manteiros no Retiro e outro ponse en plan King Kong e bate cuns papeis unha botella de plástico, baleira, en dirección ao concelleiro Fernández Rubiño. O xesto foi feo e afeouno máis cando se achegou a Rubiño e berroulle: «Y ahora llora». Este Ortega Smith irado e sete machos fíxome recordar o que o xornalista Gregorio Morán viu hai anos: «Exhibiéndose con esa ferocidad reprimida que lleva dentro, a la espera de cualquier oportunidad para proclamarla como signo de bravura».

Seica Ortega Smith pediu aos Reis Magos unha espada de aceiro toledano e todo o día canta, moi zarzueleiro: «Fiel espada triunfadora/ que ahora brillas en mi mano…». O alcalde Almeida xa activou a alerta 2 no próximo pleno.


Comentar