La Voz de Galicia

O mal galego

Opinión

María Canosa

21 Dec 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Sempre tiven curiosidade en saber como funcionan os temas de interese social. Teño falado moitas veces sobre o uso do galego, a necesidade da corrección gramatical e léxica, os neofalantes... mais é agora cando máis se está a debater. A teor das últimas novas, retomo a idea.

 

A maior parte da xente coa que coincido a diario non fala galego. Exprésanse en castelán e eu sigo utilizando a miña lingua cotiá. Non hai ningún problema. Falamos de maneira natural.

Pero en máis dunha ocasión, o interlocutor comenta: perdoa que non fale galego, pero fáloo mal.

Seguramente esa persoa non saiba utilizar correctamente os tempos verbais compostos, manteña o dativo de solidariedade, confunda o pretérito pluscuamperfecto co imperfecto... En definitiva, que fale igual de mal o galego ca o castelán. Por que só temos a impresión de falar mal o galego, entón?

Habería que estudar profundamente esta cuestión, mais tamén poñer remedio aos xa afectados. Eu insisto sempre en que «o único galego malo é o que non se fala». Quizais se reforce a idea se, cando alguén se anima a falar galego non sendo esta a opción habitual, o premiemos cun sorriso en lugar de cunha corrección. Cando se utiliza de forma pública, aplaudamos, cando se escriba un artigo, agradezámolo. As correccións... esas deixémosllas aos lingüistas que teñan que encargarse da edición de libros, textos institucionais, discursos políticos, subtituladores da televisión pública... Porque os outros acaban de decidir facelo en galego. E necesitamos a todos os neofalantes, cos seus castelanismos, pronomes mal colocados, patadas ao dicionario e atracos á gramática. Non é só un acto de amor, tamén de responsabilidade, congruencia e valentía. Por iso, Grazas!


Comentar