Dedicatoria
Opinión
24 Oct 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Onte, 23 de outubro, foi o centenario do nacemento dun dos grandes poetas galegos do século XX: Antón Tovar (1921-2004). Con tal motivo, o Museo da Limia (Vilar de Santos) organizou unha celebración, a primeira, que reuniu a un numeroso público, non só de académicos e letrados. O acto foi presentado por Xosé Antón Jardón Dacal (coordinador do padroado do museo) e glosaron a personalidade literaria do poeta (e orixinal prosista nos seus Diarios) Delfín Caseiro Nogueiras (presidente do padroado), o escritor Xosé Lois García e Xesús Alonso Montero. Eu fun amigo, admirador, camarada, editor e prologuista do extraordinario poeta limiao, e, desde hai anos, relector dos seus mellores libros (El tren y las cosas, Non, O vento no teu colo). Abriu a sesión o cantautor valdeorrés Anxo Rei, que interpretou tres poemas de Tovar, moi ben escolleitos, por el musicados, e na parte preliminar do acto tamén se recitou un magnífico soneto do poeta ourensán Edelmiro Vázquez Naval sobre o escritor homenaxeado. Previamente, moitos dos asistentes visitaran, no museo, unha mostra bibliográfica e fotográfica de Antón Tovar (entre os manuscritos inéditos, un Dicionario ideolóxico da lingua galega).
Despois do coloquio, achegóuseme un dos asistentes, Xoán Xardón Nogueiras, para que lle dedicase un exemplar do meu libro Os escritores ante a Guerra Civil española (2006), que, por certo, xa fora dedicado, hai anos, «A M... e G...» (A historia das bibliotecas cando desaparecen os seus coidadosos donos!). O señor Xardón Nogueiras, ao parecer bibliófilo desprendido, agasalloume cun exemplar da quinta edición (1929) das Obras completas de Curros Enríquez, exemplar que contén algo insólito e conmovedor, esta dedicatoria manuscrita asinada por unha tal Cira (?) en plena Guerra Civil: «A meu afillado Xosé Carlos, entusiasta admirador da nosa terra e da nosa fala, para que no tempo da paz teña unha lembranza de súa madriña galega. Cira / 25-XII-37». Todo fai supoñer que se trataba, naquel tempo bélico, dunha madriña de guerra e de que Xosé Carlos era un soldado -galeguista?- que estaba na fronte de batalla.