Estou mal
Opinión
03 Aug 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Son dúas palabras, que tamén se poden dicir con tres. «Estou mal», ou «non estou ben». Unha frase ben curta que, ás veces, atragóase no medio da gorxa, incapaz de saír, coma se cada unha das sílabas fose unha arma punzante que vai deixando coiteladas ao agatuñar polas cordas.
O que pasa é moi sinxelo. Non queremos estar mal, non queremos ser vencidos, non queremos a derrota. Caer non é tan complicado, hai mil razóns que poden dar con nós no chan. O realmente difícil é erguerse, algo que se vai endurecendo se o golpe é repetitivo.
Simone Biles ten só vinte e catro anos e case outras tantas medallas a nivel mundial. Foi un exemplo de superación, pois tivo unha infancia complicada. Agora volve selo por antepoñer a súa saúde, física e mental, á tentación de sumar un novo logro deportivo.
Estou convencida de que lle custou moito aceptar o seu estado, así como declaralo publicamente. Outra valentía máis na súa vida.
Segue adestrando, probándose, buscando a orixe do problema e os límites actuais. Di que cando fai piruetas e voa perde a noción do espazo. Acaba no chan sen control. Non imaxino mellor imaxe para definir precisamente o seu estado mental agora mesmo. Simone tiña ás, voaba.... e cústalle aterrar, non sabe como.
É importante dar visibilidade a estes problemas, estas doenzas. Poden afectarnos a calquera, coa complicación de que non se ven e incluso son dificilmente detectables. Pero está aí. Están aquí.
Grazas por amosar que o máis importante é sempre a saúde. Iso tamén é deporte.