La Voz de Galicia

Non son xigantes, son muíños

Opinión

Llerena Perozo Porteiro Ecofeminista. Socia de A Gargalleira, proxecto agrocultural

26 Jul 2021. Actualizado a las 05:00 h.

O tempo de verán é o da lectura. Os días longos favorecen o lecer, a calor anima á sesta. De cando en vez, case sempre no estío, repaso as tres obras que eu considero as mellores, das coñecidas por min, das letras universais: El ingenioso hidalgo Don Quijote de La Mancha, Cien años de soledad e Midsummer Night´s Dream. Coido que neste verán vai ser a quenda da primeira. Varias veces viu ao meu maxín a afirmación de Sancho cando o seu señor se enfronta aos muíños de vento, que el ve coma xigantes de longos brazos. «Non son xigantes, senón muíños de vento», di a sensata voz do pobo.

 

 

As mobilizacións contra da instalación de parques eólicos non cesa de lembrarme esta pasaxe. Unha multitude de sensatos «Sanchos» esixe un deseño sustentable e equilibrado para a produción enerxética galega. Son parte desa multitude. Velaí as miñas razóns.

Galicia exporta o 33 % da enerxía que produce. Temos tal capacidade e estrutura que poderíamos auto abastecernos, mais tamén a importamos e pagamos máis cara ca moitas das familias consumidoras ás que se lles vende. Un sen sentido que só pode ser explicado porque a produción enerxética está nas mans de compañías privadas que unicamente procuran o máximo lucro.

A instalación de parques eólicos, tanto terrestres coma marítimos, non é inocua nin limpa. A construción das estruturas de acceso para a montaxe e mantemento destes xigantes, a súa cimentación nos leitos mariños, son accións daniñas para os ecosistemas, as paisaxes, o patrimonio arqueolóxico, a biodiversidade. Convén revisar o concepto de enerxía limpa, e canto hai de mercadotecnia e canto de certo nesta denominación. Eu non pago facturas de luz. Instalei dez placas solares, co seu inversor e batería, que abastecen a miña vida, no medio do campo, de día e de noite. Non me falta de nada. Sei que é posible. A diario me pregunto por que isto, tan sinxelo, semellaba unha utopía cando nolo propuxemos. E respondo. Todo dicía non. Non atopabamos portas nas que chamar. Porén, era máis doado do que nos contaban.

Descubrín que os xigantes non o son tanto. Oxalá os nosos gobernos tamén o entendan e deixen de pregarse ás esixencias das grandes enerxéticas para comezar a pensar e planificar un presente no que o que prime sexa a recuperación, na medida do posible, da natureza sen a cal a vida, incluída a humana, é imposible.

Porque non son xigantes.


Comentar