La Voz de Galicia

Vida social

Opinión

Víctor F. Freixanes

12 Apr 2020. Actualizado a las 05:00 h.

Falo co meu veciño por riba do valo. Nestas circunstancias vivir na aldea é un privilexio. Case que dá vergonza confesalo. Teño unha amiga que vive nun piso na cidade e utiliza as escaleiras da casa para non oxidarse. Sobe e baixa, en plan competición. Outro amigo, que xa non é un mozo, conta os quilómetros cun aparatiño que lle recomendaron para controlar o ritmo cardíaco, e dá voltas e máis voltas no garaxe arredor do coche. Sete quilómetros diarios. Non son quen de imaxinar alguén a paso lixeiro nun espazo tan pequeno. Pero tampouco podiamos imaxinar o que estamos vivindo.

Os psicólogos insisten en manter activa a vida social. Son moitas semanas de confinamento. E as que se anuncian. Os meus sobriños, que viven en Madrid, practican o patio de luces. A unha determinada hora, case sempre antes de comer, a veciñanza acode ao patio, cadaquén coa súa cervexa, co seu vaso de viño, co seu vermú, co que sexa, e montan a leria durante unha, ás veces dúas horas (os festivos), incluídos os nenos. Xa sei de varios casos nos que, con estes encontros colectivos, algúns que dende había tempo non se falaban volveron atopar o fío, se non da amizade, cando menos da convivencia. O de saír ao balcón todas as tardes tamén é interesante, polo que significa. Mais empeza a ser algo repetitivo, coma quen se move a toque de corneta.

A rapazada está polas redes sociais, por Internet e o universo dos chats (que abofé que é un universo!). E non só a rapazada. No dicionario normativo da RAG aínda non incorporamos o verbo chatear, pero si a palabra chato. Nunha das súas acepcións refírese ao vaso de viño que se comparte cos amigos. Ir de chatos é sinónimo de ir de vasos, cando as tabernas eran o centro de socialización (preferentemente masculina) da sociedade tradicional (urbana). Etimoloxicamente o termo vén do latín vulgar plattum (plano) e o dicionario de Joan Coromines especula coa posibilidade de que a palabra entre no castelán dende o portugués, ou dende o galego-portugués, sempre referida a certa característica física do rostro das persoas ou dalgúns animais. Mais nada se fala do chato («vaso de viño máis ancho ca alto», ou «contido que leva o vaso», como advirte a RAG) e tampouco do chateo, expresión ben viva entre nós, polo menos ata hai pouco tempo.

Agora non chateamos co viño (ou non socializamos tanto desa maneira), pero chateamos nas redes. Foi en 1988 cando empezaron a desenvolverse estas aplicacións. Os novos e os menos novos, en círculos familiares, de traballo ou de amizade, chatean en Internet, moven información e rexoubas, noticias e ás veces disparates, desafogos, cando non trolas e infundios. Coma na vida mesma. Entenderá o lector que non fale doutros apuros nestes días de encerro e abstinencia. O meu veciño dime que na súa empresa levan semanas agardando polo ERTE. Aínda non lles entrou un euro na casa.


Comentar