La Voz de Galicia

Sons en Albá

Opinión

Bieito Romero

Eu son dos que penso que a mellor maneira de crear é enclaustrarse, sen hábitos, e espremer os miolos

06 Nov 2019. Actualizado a las 05:00 h.

Poñerse a preparar un novo proxecto discográfico require unha gran concentración e sobre todo unha sobredose de traballo centrado nunha mesma dirección. Non é nada doado, e sobre todo resulta complicado de explicar para quen descoñece o mundo da creación no ámbito artístico -e neste caso musical-, con todas as derivacións que iso implica.

Eu son dos que penso que a mellor maneira de crear é enclaustrarse, sen hábitos, e espremer os miolos para que saian o máximo número de formas de expresión posibles, ideas e interpretacións encamiñadas á creación. E, claro, facelo en calquera lugar, para min, non vale.

Por iso temos que buscar o contexto ou a contorna máis axeitados e sentir esas formas de enerxía que permitan que esteamos a gusto e ao tempo motiven a temática na que estamos a traballar. E se neste caso queremos referirnos aos peregrinos, aos diferentes camiños que chegan a Compostela e que finalmente derivan aos confíns da terra, deberiamos buscar un lugar de forza que nos axudase nesta consecución.

Así foi que por diferentes vieiros chegamos ao lugar de Santiago de Albá, no concello de Palas de Rei, en plena comarca da Ulloa, para xerminar o comezo deste novo proxecto. Neste fermoso lugar desta impresionante comarca central de Galicia foi onde botamos a andar esta nova e apaixonante razón de ser e de facer. Un núcleo de poboación recuperado arredor dunha queixaría tradicional e no que o amor á terra está por riba de todo. Un lugar no que a volta ao pasado como xeito de entender o futuro é o motivo que fai que a forza interior da terra faga desta empresa algo que transcende, e sempre procurando evitar o balbordo cotián que nos toca vivir.

E é por iso que coa paz, a tranquilidade, a terra e a sinceridade das súas xentes é favorábel crear un contorno adecuado para desenvolver ideas que conecten coa sabedoría dunha terra ancestral. Coincidindo coa nosa véspera de Todos os Santos e Defuntos e a entrada da estación escura, en Santiago de Albá e ao lume dunha antiga lareira fixemos que resoaran vellos e fermosos ecos do alén para encetar un novo camiño de sonoridades.

 


Comentar