La Voz de Galicia

Xuíces

Opinión

siro

29 Jun 2019. Actualizado a las 08:14 h.

O pasado mércores este xornal informaba de que unha avaría no tren que facía o traxecto entre A Coruña e Compostela provocou que varios candidatos a profesores de inglés en educación secundaria chegasen dez minutos tarde aos colexios onde deberían ler os exames realizados días antes. A presidenta dun dos tribunais non valorou a causa de forza maior exposta polos prexudicados e respondeulles que, por non cumprir as normas, quedaran excluídos. Os membros doutro tribunal si entenderon a situación da candidata, permitíronlle facer a lectura e ata lle concederon uns minutos para superar o nerviosismo. Así son tamén os tribunais de Xustiza: unha lei e uns xuíces que a aplican con máis ou menos rigor ou benevolencia. Non quero pensar nos membros do primeiro tribunal impartindo xustiza día tras día. Que medo!

 

Os cidadáns non pedimos aos xuíces a sabedoría de Salomón, nin «o sentidiño» de Sancho Panza na Ínsula Barataria; abóndanos que teñan respecto ás leis, ecuanimidade para interpretalas e deixen credos e ideoloxías detrás da porta cando entran na sala. Non é moito pedir e, porén, as sondaxes da Comisión Europea demostran que os españois somos dos que menos confiamos na Xustiza, sometida á presión de políticos e poderes económicos, e con demasiados xuíces incompetentes.

A falta de independencia do poder xudicial xa a comentaba don Quixote aos cabreiros no discurso sobre a Idade Dourada, «cuando la Justicia se estaba en sus propios términos, sin que la osasen turbar ni ofender los del favor y los del interés, que tanto ahora la menoscaban, turban y persiguen». Xusto catro séculos despois facíao Alejandro Nieto, catedrático de Dereito Administrativo, no libro El desgobierno judicial, dirixido «a los que padecen la Injusticia disfrazada de Justicia» e, curiosamente, dedicado «a los jueces, primeras víctimas del desgobierno judicial». Algo haberá de certo nesta afirmación, non digo que non; como certo é que sentenzas escandalosas están motivadas pola vixencia de leis que deben ser derrogadas ou por falta de leis que urxe aprobar; pero os máis dos casos en que alguén padece a «Inxustiza disfrazada de Xustiza», son, clarisimamente, responsabilidade do xuíz. Por iso estou con aquela mulleriña da viñeta de Castelao que rezaba cos tres fillos «un padrenuestriño para que Deus nos liberte da xustiza». Quixera crer nos xuíces, pero a memoria non me deixa. Que o presidente da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo botase abaixo o acordo dunha sección, que pasaba aos bancos os gastos da documentación das hipotecas; que un presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo gastase miles de euros do erario público en desprazamentos privados a Porto Banús e que só cinco dos vinte vocais de Poder Xudicial reclamasen a súa dimisión; que cada pouco apareza imputado un xuíz por prevaricación…, faime repetir co Deus de Curros «se isto é Xustiza, que o demo me leve».

A condena do Tribunal Supremo á Manada non vai impedir que xuíces machistas sigan exercendo co seu peculiar criterio. Arrepía imaxinar coa toga ao ex-xuíz Francisco Serrano, presidente do grupo parlamentario de Vox, agora de baixa por mor do «linchamento». Non serve de consolo, pero en Italia absolveron a dous violadores porque a vítima era moi fea e o tribunal non a creu. Ah! O tribunal formábano tres xuízas.


Comentar