La Voz de Galicia

Tomar as rúas

Opinión

Inma López Silva

21 Dec 2018. Actualizado a las 05:00 h.

A miña curmá Paula teorizaba na adolescencia sobre a tranquilidade que lle ofrecía nas madrugadas a presenza nas rúas dos recolledores do lixo. Daquela todos rían, pero ela insistía en que eran os únicos homes que non a ían atacar, que estaban traballando. Así expiaba ese medo que nos inocularon a todas e co que cadaquén atopou maneiras de convivir. A súa, eses protectores anónimos. A miña, pensar nas chaves coma navallas. A da miña amiga Cris, levar zapatos fáciles de quitar para saír correndo. A de Laura, clases de kick boxing. A de Su, o spray de pementa. E se levas un deses bolsos mínimos?, retrucaban os que consideraban todo iso paranoias de histéricas. Sempre esa resposta culpabilizadora, insinuando que o que temos que facer para que non nos ataquen é pecharnos na casa.

Di Carme Adán no seu último libro, Feminicidio, que a violencia é o mecanismo que fundamenta o propio patriarcado. En linguaxe cotiá: matarnos é unha ameaza e un castigo para evitar que usemos a liberdade, imprescindíbel para acceder ao poder. Estar presentes cos nosos corpos na rúa é provocador, e non por unha cuestión sexual, senón porque tomar as rúas é o comezo das revolucións. Por iso, cando apareceu asasinada a última vítima, o primeiro que expresei foi unha media verdade: non teño medo. Porque cómpre desvencellarse do medo para que non se instrumentalice (mil cadeas perpetuas non acabarán cos asasinos mentres media humanidade crea que pode someter á outra media) e, sobre todo, para manter a nosa conquista do espazo fóra do fogar. Xa de adolescentes optamos por vivir libres, aínda sabendo que nos matan por iso. E seguiremos, aínda que teñamos que saudar aos varredores e sorrir ás cámaras de seguridade.


Comentar