La Voz de Galicia

A (con)moción

Opinión

María Canosa

04 Jun 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Creo que ata o día antes da votación ninguén do PP pensaba que a moción de censura ía saír adiante. A sorpresa foi grande. Máis ca unha moción, o PP está vivindo unha conmoción. Que pasou? Sen ser unha analista política, nin gustarme o tema moito, a actualidade faime reflexionar e buscar o motivo das cousas.

Quen quería esta situación? O PP si. Primeiro, porque non pensaba que prosperase e, segundo, porque hai meses Rajoy acusou a Sánchez de non facer nada, de non promover unha moción de censura. «Yo lo habría hecho», espetoulle. E claro, a Sánchez non lle quedaba outra que presentala agora. Sempre é mellor que te lembren por fallar ca por non facer nada. Pero... o resultado non lle convén nada ao líder do PSOE. Mellor tería sido que dimitise Rajoy, pois a situación que se lle vén enriba é de todo menos sinxela.

Será este o motivo polo que non dimitiu a cabeza do PP? Esa é precisamente a razón de chegar ata aquí: que a xente está farta de que, pase o que pase, todo se relegue a un caso illado e ninguén dimita, asuma responsabilidades ou pida perdón. Ao partido azul perdeuno a arrogancia, a rutina, o pensar que son impunes. Xa o dicía Cospedal, o que diga un xuíz non é palabra de lei. Pois son os que administran xustiza e aplican as leis! Esa falta de humildade, de empatía, de recoñecer os erros levounos ata onde estamos agora. Mediante unha moción de censura, si. Un procedemento completamente legal e válido. Lembren: a Rajoy tamén o elixiu un pacto entre partidos. Diferenza? Pouca.


Comentar