La Voz de Galicia

A muller do asasino

Opinión

Imma López Silva

04 Jan 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Que cegueira leva a unha muller a darlle unha coartada ao seu home cando lle aparece pola porta a policía sospeitando del pola desaparición dunha moza? Que ignorancia é a que non te asolaga coa dúbida e a mágoa de saber que alguén agonizou nas mans de quen a ti te colle polo van para saír perfectos nas fotos do Instagram coma se un dos dous non matase nunca a ninguén? Que amor non che deixa ver a realidade que tes diante, a que conta que te deitas cun que, probabelmente, violou a túa irmá e seguramente matou unha rapaza como será a túa filla, súa tamén? Non é amor, é medo. O medo que maquilla monstros ata que aparece un cabo que tira por ti e te rescata. O medo de saber que ti podes ser a seguinte, porque sabes que ese das fotos agarrándote polo van é capaz de todo. O medo de saber que hai unha besta se te rebelas. O medo das que conviven con homes que se cren donos das mulleres e das que saben a ciencia certa que o seu non é un caso de fatal azar, coma o de Diana Quer, que só pasaba por alí. A muller do asasino está aí, coa nena e os coitelos da cociña a tiro de pedra. A traxedia de Diana e a da muller non son tan distintas, porque nin sequera son distintas das traxedias do resto das mulleres que aturan que as maten porque ían soas, eran guapas, levaban minisaia, gustáballes saír, casaban con quen non debían, deixaban a aquel de quen fartaran, namoraran dúas veces a un tempo. Tapáronnos a boca e pecháronnos os ollos, e cortáronnos as ás para seguir sendo os seus anxos mudos e perfectos, coma as mortas. E así, ou nos matan, ou lles damos a coartada para matar.


Comentar