Impuntualidade e sabotaxes
Opinión
23 Apr 2017. Actualizado a las 05:00 h.
Falando sobre as causas da súa condena en Siberia, un primeiro prisioneiro dixo que estaba alí acusado de espía, porque sempre chegaba cinco minutos cedo ao seu traballo na fábrica. A un segundo reo pareceulle estraño, porque a el, que sempre chegaba cinco minutos tarde, o condenaran por sabotar a produción. Un terceiro, aínda máis sorprendido, comentou que a el o mandaran a Siberia por chegar sempre puntual ao choio, proba irrefutable de ter comprado un reloxo suízo no mercado negro. E é que cando se quere condenar, ás veces para eludir a propia culpa, sempre se poden atopar motivos.
É certo que a sociedade española, quizais compracida polo éxito da rápida transición desde unha ditadura á democracia, non lle prestou suficiente atención aos riscos da corrupción. E que todos pecásemos de excesiva confianza no papel dos partidos, por fin democráticos; e das institucións, por fin homologables ás máis avanzadas. E que o éxito económico dun país que, por fin, pasara do ostracismo a formar parte da Unión Europea e a avanzar considerablemente na edificación dun Estado do benestar, relaxase a tensión pola mellora dos controis sobre a actividade financeira pública e sobre os seus responsables. Nos anos noventa tivemos un aviso; mais, posiblemente, foi a confianza na mera alternancia a que fixo que as reformas preventivas e represivas fosen, cando foron, ben miúdas (lei de financiamento dos partidos, por exemplo). Ata que todo estoupou coa gran recesión. O exceso de confianza nos partidos tornou na máis absoluta descualificación; as institucións mostraron, descarnadamente, que existían buratos polos que podían entrar, e abofé que entraron, oportunistas e ladróns; a Europa unida pasou ser para moitos o problema máis ca solución; e a crise económica puxo en evidencia a necesidade de garantir a sostibilidade do Estado de benestar.
E pode que tarde, mais é certo que se actuou: a transparencia, introducida por vez primeira en serio; o financiamento dos partidos (orixe de boa parte dos problemas), sumamente restrinxido; os controis do gasto, reforzados; as sancións penais, incrementadas; e a lupa, enfocada sobre os patrimonios e actividades dos políticos. Nunca en España houbo tanta lexislación nin a Xustiza actuou tanto para reprimir a corrupción. E en Galicia, aínda máis, como quedou de manifesto na celebración do XXV aniversario do Consello de Contas: a prohibición de doazóns aos partidos é total se se queren recibir subvencións; o que conleva que o control do Consello, antes limitado ás subvencións electorais, pasa a ser anual e sobre todos os ingresos e gastos ordinarios dos partidos. E o órgano de control externo reforzou a súa independencia e asumiu (único caso no Estado, o que está a xerar interesantes expectativas nos demais tribunais de contas) competencias de prevención da corrupción.
O vello chiste ruso da época dos fracasados plans quinquenais estalinianos (Proletarios de todos los países... ¡Perdonadnos!, libro de Tomás Várnagy que excede a mera recompilación de anekdot do comunismo, que usa como desculpa para explorar na relación entre o humor e o poder desde Platón ao Carnaval cristián) exemplifica que cando o sistema falla pódese condenar tanto ao que chega tarde como ao que chega cedo. Pero semella inxusto, e mesmo contraproducente, mandar a Siberia, xunto cos que están a ser investigados, xulgados e condenados, aos que denunciaron (tarxetas black, operación Lezo ou xestión das caixas) e aprobaron normas anticorrupción. Só pode explicarse pola mala conciencia de non ter sido un mesmo, no seu día, puntual.