La Voz de Galicia

Alternancia baixo control

Opinión

X. L. Franco Grande

21 Nov 2016. Actualizado a las 05:00 h.

Sobre os Gobernos de todo o mundo, e sobre a actividade política en xeral, inciden moi diferentes forzas, que van dende os electores aos poderes financeiros, pasando por intereses sociais diversos. Negar esa evidencia non leva a ningures. É máis, sería da máxima inxenuidade se a finalidade non fose, como acostuma ser, agachar actitudes que non cadran coa democracia.

Sen dúbida, entre eses poderes está nos nosos días o poder financeiro. O que, en principio, nada ten de antidemocrático. O que ocorre é que a ese poder non lle interesa a democracia o máis mínimo. Nin tampouco a ditadura sanguinaria. Só lle interesa a aparencia de democracia: votar cada tantos anos, posibilidade de alternancia, sempre que esta poida ser controlada.

Xusto iso é o que hoxe está ocorrendo en España. Quéirase ou non, a esa idea teñen colaborado os socialistas dunha maneira eficaz como demostran os últimos acontecementos. O poder financeiro destruíu o partido (debilitalo é o primeiro paso para logo controlalo), porque antes corrompeu a moitos dos seus dirixentes de onte e de hoxe.

Estes conseguiron impoñer, contra toda idea de democracia, unha investidura en todo allea aos valores que sempre representou ese partido, e que xa non representa. E diso se trata: de que a opción de alternancia sexa controlable. ¿Non din que respiraron en Europa, que todo queda baixo control? ¿De quen?

De agora en diante xa será coñecido o guión: todo o que caia fóra da alternancia será obxecto de anatema. A finca non pode ser de máis ninguén. O que ouse pretendela, pasará polo lume purificador -prensa, radio, televisión-, como xa sabemos. Nos novos tempos minguará a luz do progreso. Pero, ¿recuaremos tanto como sospeitamos? Dá medo pensalo.


Comentar