La Voz de Galicia

As eleccións que veñen

Opinión

X. L. Franco Grande

16 May 2016. Actualizado a las 05:00 h.

Ninguén sabe canto poden influír nas próximas eleccións a frustración por ter que chegar a elas -non se soubo pactar cando o mandado popular así o impoñía-, nin a tan levada e traída desafección dos votantes cos políticos e coa política, nin tampouco se vai ser determinante a abstención no resultado final.

Os tópicos ao uso dinnos que vai haber moita abstención, xusto polo fracaso nos acordos. Pero as cousas son máis complexas. Se algunhas das sondaxes que coñecemos son de fiar (e non todas o son, infelizmente), non haberá nin cambio na intención de voto nin tampouco unha abstención preocupante. Iso semella a lóxica natural das cousas, se ben lóxica e realidade non sempre van xuntas.

O éxito das próximas eleccións será para os que saiban empregar unha nova linguaxe, chegar á xente en proximidade, deixar a unha beira as acusacións sobre culpas e responsabilidades polos recentes desacordos, expoñendo con claridade os problemas, ben coñecidos de todos, e suxerindo para eles solucións claras e cribles. Unha nova linguaxe supón un novo estilo. Ábrenos a outra realidade.

Dámoslle moita importancia a unha nova linguaxe da que convén desterrar ideoloxismos que confunden, esquecer resaibos de partidismo e non demonizar ao contrario, nun esforzo en procura da claridade, da proximidade cos votantes para que estes vexan que se coñecen os seus problemas e que por iso se poderán resolver.

Os problemas que temos son moi claros. Non tanto as solucións que se suxiren. Este é o problema. Un problema moi claro de credibilidade -pode que o primeiro de todos-, que esixe capacidade pedagóxica, claridade e proximidade. Non teño ningunha seguridade de que, hoxe, priven estas ideas. Pero unha política que as descoñeza será unha política vella.


Comentar