Ancha é a democracia
Opinión
09 Nov 2015. Actualizado a las 05:00 h.
Cando, en 1958, Charles de Gaulle nomeou a André Malraux ministro de Estado, e tendo entón forza especial o PCF, que refugaba a democracia burguesa, preguntáronlle a este se estaba no proxecto de De Gaulle contar con ese partido ou se habería algunha relación especial con el. Nótese que por entón o PCF, ademais de poderoso, estaba moi lonxe dun eurocomunismo só existente nas cabezas dalgúns dirixentes.
E Malraux, que aínda que fose un intelectual brillante era un político torpe (ou sexa, que non era un político), respondeu cunha das súas habituais frases lapidarias: «As democracias non poden funcionar cando dentro delas se agacha un partido comunista forte. Os que inscriben nos seus programas a destrución das democracias, non teñen dereito a vivir ao seu achego». Pero a De Gaulle, que si era un político, nin de lonxe se lle ocorreu tomar en conta semellante babecada. E foi sonada a derrota do PCF nas primeiras eleccións convocadas polo xeneral. Triunfara a democracia.
Ben poderían tomar nota da anécdota tanto os independentistas cataláns como os seus contrarios: os primeiros para faceren valer os seus programas en democracia e non fóra dela, e os segundos para, tamén en democracia, respectar as ideas dos outros, combatelas e non demonizalas. Todo lonxe do que estamos vendo.
Porque cando uns e mailos outros non actúan en democracia -por pouco respecto ao outro, por negativa ao diálogo, por prepotencia, pola mentira permanente, por ameazas...-, nada máis doado que meternos de cheo e sen volta nunha tobeira sen saída ou nunha situación de moi doloroso remate. A ausencia de verdadeira política é a mellor maneira de hipotecar o futuro. Que se poida ignorar algo tan elemental e se actúe tan á marxe da razón custa comprendelo.