La Voz de Galicia

Ramos

Opinión

María Canosa

02 Nov 2015. Actualizado a las 05:00 h.

A primeira vez que me preguntaron «truco ou trato?» non comprendín ao interlocutor. Que era aquilo? Xamais o escoitara na vida. Pouco a pouco fun sabendo do Halloween, e tamén do Samaín.

Pero, sobre todo o primeiro, volvino esquecer axiña, ata o ano pasado, que alguén chamou á porta da casa, e cando vin as dúas nenas vestidas de bruxas cunha cabaza na man, arrepentinme de non ter prestado máis atención a esa festa para ter caramelos e lambonadas que lles dar.

Cada vez máis, é certo, vexo cabazas adobiadas nesta época. Os nenos lévanas ás escolas, refrescándome a memoria.

Cando eu era cativa non había nada disto. Non, Samaín tampouco. O único que lembro era ir apañar fieitas e mercar flores para levarlle aos defuntos, e comer o caldo de figadeira na casa da madriña. Esa era a miña tradición, lembrar aos que xa non están, e saudar a toda a aldea no cemiterio, limpando nichos e amañando pétalos.

Non esquecerei nunca facer o ramo para o meniño que está soterrado á beira da igrexa. Un dos seus pais fora mestre na aldea. Alí naceu, e ao pouco, morreu. E alí foi soterrado. Para os mestres, novo destino, novo lugar, nova residencia... e espero que nova vida.

É complicado que en Galicia un se desapegue dos seus seres queridos, nin tan sequera do lugar onde os despide. Quizais non fosen galegos, ata creo lembrar.

Miña madriña, cada ano, leváballe un ramiño de flores, coidando así da súa memoria. Logo comezamos a facelo os nenos. Continúo achegándome cada ano a levar sequera unha flor.


Comentar