A medida do tempo
Opinión
07 Sep 2015. Actualizado a las 05:00 h.
De pequena pensaba que medir o tempo era sinxelo. Segundos, minutos, horas, días, semanas, meses... e así. Gustábame facer problemas de conversión de unidades, e ver como se complicaban as cifras se non se utilizaba a correcta.
Pero a medida que fun medrando, decateime de que repartir o tempo de maneira tan técnica non se correspondía coas miñas necesidades. Había horas que me gustaría alongar, pois non me chegaban a nada, e segundos que se me facían eternos.
Canta máis idade tiña, máis convencida quedaba daquela teoría. O tempo ten moitas medidas.
No rali da Coruña puidemos ver moitos exemplos. Segundos que voan, segando vidas. Son tan efémeros que non os sentes chegar, vir, matar. E minutos eternos nos que desexas que chegue esa ambulancia para que obre o milagre que xa non é posible de ningunha maneira, porque hai viaxes que non teñen regreso.
Todo iso, no mesmo lugar, nos mesmos metros cadrados, ante os mesmos ollos. Velocidades de lóstrego, e outras de tartaruga.
Ás veces agardamos toda a vida por un momento específico, ou por varios. E outras, toda a vida percorrida pasa ante nós nun só segundo. Parece imposible, seino, pero hai instantes así, que abranguen o imposible. Fanse grandes, eternos. E outros tamén, egoístas.
Canto tempo van perdurar esas imaxes no noso interior? Para algúns, eternamente, indelebles ao paso da eternidade. O tempo, señores, non só é unha suma de segundos. É moito máis ca iso, é un compendio de emocións difícil de calibrar. Poden non ter medida.