La Voz de Galicia

As criadas

Opinión

Inma López Silva

11 Apr 2015. Actualizado a las 05:00 h.

Sempre pensei que debera terme atrevido a traducir a obra de Genet como As mandadeiras, pero ás veces os títulos son máis poderosos cá lóxica e a corrección. Igual que acontece con ese mundo de mulleres que limpan as nosas casas e coidan dos nosos seres queridos: hai unha idea preconcibida sobre quen son, e funciona entre elas e entre nós a sombra permanente da desesperación atolada coa que as debuxa Genet.

Poden facer a proba. Un anuncio en internet que só está activo catro horas produce unhas cincuenta solicitudes nunha tarde. Un máster en desesperación. Se deciden ter a paciencia de botar dúas tardes nunha rolda de entrevistas, aprenderán moito. Hainas que case precisan xustificar o traballo no fogar como xustificarían a prostitución; hainas que aman o que fan como amarían calquera outra cousa; hainas (as máis) que deciden crer na temporalidade como consolo dos soños incumpridos; e hainas que, detrás das engurras indisimulables, agachan a dor de saberse enganadas por vidas que empezaron a deshora e se encheron co coidado de casas, homes, fillos e vellos ata que chegou o paro ou unha débeda, e, coma unha lousa, o saberse esquivadas ante a nosa querencia por criadas bilingües, manipuladoras de alimentos, oficiais de cociña e aprendizas de costura.

Quizais é a grande lección que lle deu o progreso dos oitenta a esta España que se espreguizou do nacional-catolicismo e o soterrou: as mulleres decidiron deixar de ser criadas e aprenderon a ser empregadas de fogar. Pero a crise rescatou do letargo ás mandadeiras, e na súa madurez, desesperounas, humillounas e situounas fronte á falta de lóxica dunha vida que non era máis ca un bluf.


Comentar