De pailáns ilustrados
Opinión
02 Jun 2014. Actualizado a las 07:00 h.
V ueling, tremending, sexting e outras lindezas, unhas veces inexistentes na lingua inglesa e outras mal aclimatadas por certos usos, paréceme que sen ningunha necesidade, dan unha idea moi pobre da expresión escrita de moitas xentes ás que un ten o dereito de supoñer un certo nivel cultural. Da expresión coloquial xa non falamos. Como levamos anos facendo o ridículo nos certames de Eurovisión, a alguén se lle ocorreu a idea xenial de concorrer este ano cunha canción con letra en inglés, Dancing in the rain, a ver se desa maneira gañabamos os votos de países máis afeitos á lingua inglesa que á española. Como se ese fose o problema. Pero nin con esas. Nos últimos tempos somos un país moi preocupado polo inglés, dende os inefables vueling ou tremending ata as nunca de antes sospeitadas fonduras de certos discursos de certo expresidente, e tamén da súa consorte, os dous obsesionados coa lingua de Shakespeare, porque é a do imperio dominante e, para sermos prácticos e non perder o tren, cómpre servir a quen domina. Cando me pregunto que clase de país é o país en que estas cousas ocorren, penso se seremos un país inseguro, como di Sánchez-Cuenca, ou se ao mellor o que somos é un país bastante inculto -nun país culto non suceden feitos como os relatados-, ou, quizais, un país moi acomplexado. En calquera caso somos un país ben entangarañado. A cobiza de non parecer pailáns leva a uns e a outros -e de moi diversos estamentos- a esquecerse por un momento da lingua imperial (a que está ameazada polas desamparadas linguas da periferia, meu Deus!) e a renderse submisos e satisfeitos a outra dun imperio superior. ¿Inseguridade? ¿Incultura? ¿Complexo de inferioridade? ¿Imperialismo fracasado? Pode que de todo un pouco.