La Voz de Galicia

«Bocazas» e bocaláns

Opinión

X. L. Franco Grande

13 May 2013. Actualizado a las 07:00 h.

U n certo político, ou con aspiracións a selo, chamoulle «bocazas» ao recentemente nomeado presidente da Real Academia Galega, ademais de conceptuar como «discurso disparatado» criterios do mesmo sobre a lingua galega ou dirixíndolle, entre outros exabruptos, expresións como «botarate petulante» ou sectario antinacionalista.

Supoño que a calquera persoa normal, non deformada por sectarismos estreitos, lle chamará a atención ata onde pode chegar a falta de civismo, de maneiras, de educación ao cabo, de alguén que pretende influír nos destinos deste desgraciado país. Porque resulta que a nosa pobreza, a nosa miseria intelectual e humana, a nosa falta do máis elemental civismo, non agoira nada bo para o noso futuro.

Non vou entrar no contido das afirmacións do noso político, ou aspirante a selo, porque ningún contido lingüístico teñen, fóra do aldraxe. Por iso, limitareime á forma e á inoportunidade. Empezando por esta, unha cortesía elemental -digo elemental- é observada en xeral nestes casos: concedámoslle un breve prazo para que empece a traballar, e a ver que pasa. Pero ata esta xentileza lle é negada.

Ao señor Alonso Montero non cabe apoñerlle ningún dos improperios antes transcritos, agás que o que se pretenda sexa aldraxar a todos os académicos que o elixiron. Pero estes, como o señor Alonso Montero, teñen acreditado moitas horas e moitas obras servindo ao país e á lingua galega. Descoñezo se o tal político, ou aspirante, pode dicir o mesmo.

A verdade é que non sei que clase de nacionalista pode ser alguén que nos dá esta imaxe tan triste do país e do seu partido. ¿Serven ao país eses nacionalistas ou tan só aos redutos en que están entobados? ¿Ou son sinxelamente foráneos «bocazas» sen chegar a indíxenas bocaláns?


Comentar