Poemas
Opinión
21 Mar 2013. Actualizado a las 07:00 h.
Día Internacional da Poesía. A primavera vivísima nas praias do Noroeste, que son as nosas, de sal e espuma rozándote, adentro, onde a pel envolve zafiros, no ventre, exactamente, onde o amor toma corpo. O amor séntese na pel, o demais é sofisma. Déixame que escriba aí tatuaxes azuis, letras, restos do meu corazón para vivir: poemas. Lento. Pausa. Lento. Non me digas o de sempre, que non te quero, sabes que si, e que sen ti non existe o ceo, nin a terra nin o mar, nada. «Serán ceniza, mas tendrá sentido; polvo serán, mas polvo enamorado» (Quevedo). A desolación de saber que está podre aquel lugar onde antes só había rosas. Eu son o que debuxa os teus labios nas paredes branquísimas do amencer, eu son o que habitou na bocanoite este baleiro negro da soidade por non durmir, por non durmir, muller, de tanto que te penso. «El elemento misterioso que determina mi tristeza cuando te vas» (Ángel González). Quérote porque sostés o mundo cos teus brazos e impides que caia sobre min; quérote porque a noite é fría e a lúa ancha e o silencio triste e o inverno nunca chega cando estou contigo. Ninguén ama se non ama sempre (Aristóteles). Son de ti os meus ollos, túa a miña boca, e as palabras de amor que nunca dixen acougan no teu segredo de pomba namorada. Non importa que o teu amor fora mentira, a min pareceume verdade. Ás veces quero ser unha formiga que percorra lenta o teu corpo tenro e beliscar co veleno da lingua os ocos da túa xeografía, todos. Eu coñezo o deserto, habito a súa morada os días que non estás. Hoxe, 21 de marzo, debes continuar ti esta columna. Adentro. Para vivir: poemas.