Costa de xaneiro
Opinión
03 Jan 2013. Actualizado a las 07:00 h.
X a a temos aquí, a tan temida costa de xaneiro. Como moito podemos retrasala ata despois do día de Reis, por respectar ás súas maxestades de Oriente, que chegan cargadas de ilusión e máis carbón ca nunca, polo negro que vemos o horizonte de despois.
Comeza o 2013 con ese disparo de saída composto polas doce badaladas e as uvas que tragamos mentres pensamos en tantos bos desexos. Uvas perigosas, pois os anhelos teñen máis perigo ca nunca de atragoársenos no inicio da gorxa. Hai xa quen non pide nada, tan só intenta gardar na memoria, e reforzar, os instantes que ao longo do ano que nos deixou marcaron esa era, e quizais a nosa vida. Un intento de aferrarse ao pouco bo que tivemos para conservalo durante o maior tempo posible, é dicir, estricalo para o novo ano.
Pero pasan os Reis e inevitablemente volvemos ao mundo real. Subidas de prezo para a gasolina, peaxes, electricidade? e infinidade de cousas, moitas delas básicas. Máis IVE para todo, e menos soldo para algúns, precisamente os que xa viñan facendo maiores esforzos por sobrevivir.
¿Queda algo igual? Si. Por desgraza, moita inxustiza. E políticos que non nos respectan coas declaracións e actitudes. Dirixentes corruptos que non dimiten. Etcétera.
Quédannos os libros, a literatura? único xeito de poñerlle poesía aos días.