La Voz de Galicia

Viño e verdade

Opinión

X. L. FRANCO GRANDE

25 Mar 2007. Actualizado a las 07:00 h.

DESCONFÍO sempre do regulamentarismo. Indica estreiteza mental. Se ademais nos poñemos a regulamentar prohibicións, malo. E se entre elas está unha ampla prohibición do viño, a cousa é máis grave: cando un país produce tantos e tan tentadores sabores, prohibilos pode producir, con razón, alarma social. É pena que á ministra da desfeita non se lle ocorrese regulamentar por outra banda: vixiar a calidade dos viños que se venden e que non sempre o son. Aquí si que tería unha mina, porque llo agradecería o bo gusto de moita xente e porque a saúde de moitos sairía gañando. Perdeuse a ocasión, unha vez máis. Como di un veciño meu de Tebra, un viño malo pode matar a un elefante, pero un viño bo debera prescribilo a Seguridade Social. Paréceme que aquí está a verdade de todo o asunto. Pero a señora ministra, ao parecer, sabe pouco de viño e moito de dieta, dous conceptos que non fan boa parella. Porque o viño, sendo bo, é alegría para o corazón e a dieta tristura e melancolía. Sen a menor dúbida, viva a alegría.


Comentar