La Voz de Galicia

En Liverpool

Opinión

XOSÉ CARLOS CANEIRO

05 Mar 2007. Actualizado a las 06:00 h.

TOCA, toca, toca: non hai outro modo de ganar en Liverpool. El sabía tal certeza. Porque coñecía a Benítez, escola rancia española: todo queda atrás. Ou sexa, que son os de atrás os que ganan campeonatos. Clemente ganou dous practicando un fútbol avaro, como o de Benítez, Rafael: tiña nome «torero» e ía «torear» ao seu equipo. El chamáballe Mío Barça. Chorou tantas veces con el e por el que aquel martes, de febreiro, agardaba unha primavera: para non chorar. Que Eto'o regresase interpretando sonatas en sol maior. Que Ronaldinho bailase samba con Venus. Que cantase Deco o « we are the champions » e que Valdés non cantase, non. Mío Barça xogaba en Liverpool o seu existir e el contemplaba o seu redor con desidia. Sentíase un mal cidadán. Porque Mío Barça importáballe máis que Rajoy e Zapatero, que Touriño Quintana Feijoo. Importáballe porque aquel equipo daba emoción a unha vida sen máis emoción que o presente: o futuro é mentira. Coñecía xente que perdera no camiño o entusiasmo. Non era para menos. Tanto cabeza (interior) rapada, tanto botellazo, zoquetes, especulación, tontería, chulos, pasta fácil, tanto canalla no fútbol. Pero el levaba o fútbol pegado ao corazón, que é onde o fútbol ten razón e sentido. Coñecía directivos que non eran coma el. Executivos fríos que cobraban a porcentaxe, como tratantes. Mercenarios que almorzaban con números entre os dedos, inmobiliarios, especuladores. Eran esa clase de individuos que mataban o fútbol. El, non. Era un inxenuo que agardaba a primavera un seis de febreiro. Con Benítez, escola rancia española, gardando o resultado: todo queda atrás. Era desa clase de tipos que sempre se deixou vencer pola esperanza. El, que aquel martes estaba desaparecido. El. Soñando. Toca, toca, toca. En Liverpool, corazón.


Comentar