Un xuizo moi importante
Opinión
16 Feb 2007. Actualizado a las 06:00 h.
CASE un 25 % de españois, segundo as últimas enquisas, considera seriamente a posibilidade (ou probabilidade) de que existise algo máis ca unha organización terrorista islámica detrás da masacre do 11-M en Madrid. A chamada «teoría da conspiración» que non só relaciona o atentado coa organización ETA (sen excluir a participación do terrorismo islamista) senón que suxire perversos mecanismos de relación directa (causa-efecto) entre o acto criminal de Atocha e o acceso ao poder do presidente Zapatero, non minguou durante estes tres anos. Segundo os devanditos inquéritos, mesmo incrementouse ou, cando menos, aparece encastelada nun sector inamovible da opinión, que coincide co núcleo duro de votantes do PP (arredor do 33% do voto emitido). Certos medios de comunicación aguilloan esta liña especulativa. Instalados máis ao servizo dos intereses ou das teimas particulares dos seus condutores ca ao servizo dos intereses informativos dos lectores e as audiencias, cando non enguedellados en vellas liortas estratéxicas dos grupos de comunicación dende os que se expresan, algunhas columnas de opinión, consellos de redacción ou púlpitos mediáticos levan meses sementando toda clase de especulacións, dúbidas, segundas e terceiras vías, verdades a medias, escenarios paralelos, etcétera, mesmo negando a credibilidade das investigacións en curso, embafando e escurecendo gravemente a realidade social e confundindo a opinión pública, depositarias ao cabo da soberanía democrática. Se a isto sumamos algúns estilos de actuación xudicial, feridas non curadas da derrota electoral do 14-M, lideratos non consolidados na dereita española e un compoñente emocional moi forte, coa memoria dos mortos e dos feridos nas entrevías da estación de Atocha, abofé que o panorama é preocupante. Non deben extrañarnos os comentarios de prensa europea, que non disimula o seu abraio diante da división social que o caso provoca na sociedade española. Por iso é tan importante o xuizo que acaba de comenzar. As primeiras declaracións dos inculpados eran as previsibles. Ninguén asume as responsabilidades. As probas, a exposición contrastada e documentada dos feitos, a intervención das testemuñas e dos peritos, a firmeza e afouteza moral (e profesional) dos xuices, a pulcritude dos sumarios e a solidez democrática dos procesos configúranse, xa que logo, como elementos importantísimos, diante dos cales debemos manter o máis alto grao de esixencia, ao mesmo tempo que respecto, primeiro: para a consolidación do Estado de dereito, e segundo: para a saúde democrática dunha sociedade que non merece o que está sucedendo. Cando todo isto remate deberemos pedir responsabilidades. Non só aos posibles ou presuntos autores do crime, senón aos palaladíns de tanta confusión.