O rexistro de Blair
Opinión
14 Jan 2007. Actualizado a las 06:00 h.
PARA algúns científicos, certos estados de cólera e violencia forman parte do código xenético, de sorte que, mantendo un rexistro central de ADN, poderiamos afastar de certos traballos a xentes non adecuadas para eles, e eliminariamos así, preventivamente, as posibilidades de que se convertesen en delincuentes. Como é sabido, Tony Blair é un decidido partidario deses supostos achados científicos e da súa aplicación práctica. Non deixa de ser sorprendente que un crente, como el asegura ser, poida prescindir de maneira tan sinxela da responsabilidade ética do ser humano, do libre albedrío e aínda do concepto de pecado. Que tal cousa proveña da Gran Bretaña é alarmante. Xa se sabe que abonda con crear sensación de medo na sociedade para que esta, de maneira masiva, o sinta de verdade. Nada máis doado que antepoñer a idea de seguridade a calquera outra, incluída a de liberdade. Como se Bush e Blair tivesen unha teima semellante: destruírnos centos de anos de civilización a prol dunha seguridade na que nin eles cren.