La Voz de Galicia

Degradacións

Opinión

X. L. FRANCO GRANDE

20 Jun 2006. Actualizado a las 07:00 h.

XA NIN causa estrañeza que certos funcionarios miren de esguello o ensino dunha lingua cooficial calquera -a nosa, por exemplo-. Aínda que, nunhas circunstancias normais, non custe tanto traballo coñecela un pouco. Máis estraño aínda é que tal cousa, para algúns, poida chegar a ser un problema. Cando Andrei Sajarov aceptou poñerse a traballar na súa bomba, un superior seu alarmouse ao ver que descoñecía o inglés, e esixiulle que en quince días debía saber o suficiente para poder ler a Revista de Física inglesa. E Sajarov cumpriu, por máis que as linguas non eran o seu -nin sequera o ruso-. Son moitos os que, aquí e fóra, e máis fóra que aquí, empezan a decatarse de que a degradación cultural das nosas sociedades tamén é algo global. Unha degradación que chega a sectores insospeitados, pois dela non se libran academias, universidades e outro centros do saber e da intelixencia. Algo moi grave que algúns perciben con alarma. Paréceme que o síntoma, no noso caso, á par de moitos outros, está á vista. E non agoira nada bo.


Comentar