La Voz de Galicia

Os mortos

Opinión

| MIGUEL-ANXO MURADO |

06 Jun 2005. Actualizado a las 07:00 h.

NO FONDO deste conflicto entre as víctimas do terrorismo e o goberno subxace, entre outras cousas, unha das máis vellas discordias que existen: a que enfronta ós mortos cos vivos. Nos contos populares de aparecidos, nas traxedias clásicas de deuses e modernas de fantasmas, os mortos non deixan de existir por estaren mortos, e desde o Alén reclaman dos vivos o cumprimento de encargas, de penitencias, de vinganzas. Os mortos, comprensiblemente, resístense a desaparecer sen ter completado iso que nunca se completa, a vida; e os vivos, pola súa parte, esfórzanse nobremente en compracelos. Á veces, como o príncipe Hamlet, poden chegar ata o estremo de destruírse a si mesmos e acabar uníndose ao exército dos mortos eles mesmos. Vin o sábado en televisión a manifestación das víctimas do terrorismo co maior respecto. Non só respecto polo dereito de manifestación dos vivos, senón tamén polo dereito dos mortos a seren escoitados. É posible que eses mortos, desde o outro mundo, pidan que non se negocie cos seus matadores, cos seus asasinos. Esa é a interpretación que dos seus desexos fan os seus parentes, ou aqueles que, de entre os mortos, lograron sobrevivir e permanecer como mortos entre os vivos. Podo ter dúbidas acerca desa interpretación e, de feito, as historias de aparecidos parten moitas veces de malentendidos. Pero o respecto é máis poderoso que a dúbida; debe selo. E sen embargo non só os mortos teñen dereitos, tamén os teñen os vivos. «No en nuestro nombre», dicían as pancartas que portaban os vivos o sábado e, efectivamente, non é no seu nome que o goberno debe falar cos que matan. É no nome dos que están vivos e poderían morrer. Non é no nome dos mortos do pasado senón dos mortos do futuro que un goberno ten que falar e negociar, por duro que resulte. Porque o político é xustamente iso: o personaxe tráxico que carga ós seus ombros a responsabilidade do que a sociedade sabe que hai que facer pero que non é capaz de facer. Por iso Zapatero non ten outro remedio que seguir adiante. Non pode esperar que os familiares das víctimas o comprendan, porque non poden, e iso tamén hai que entendelo. Pero debe explorar calquera posibilidade que exista, por pequena que sexa, de salvar ós mortos de mañá da triste sorte dos mortos de onte. Se cadra, mesmo é iso, e non outra cousa, o que eles nos piden desde o outro mundo para poderen descansar en paz.


Comentar